O escritor Abel Tomé gaña o García Barros de novela coa súa obra «A noite do oso»

H. J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O escritor e xornalista Abel Tomé (Outes, 1984), nunha imaxe de arquivo.
O escritor e xornalista Abel Tomé (Outes, 1984), nunha imaxe de arquivo. Carmela Queijeiro

O xurado enxalza «a súa capacidade para fusionar realidade e lenda»

18 abr 2024 . Actualizado a las 23:27 h.

A noite do corvo (2018), A noite do lobo (2019) e A noite do oso (2024) configuran unha especie de triloxía, aínda que todos os títulos son de lectura independente. Coa primeira novela debutou na narrativa de ficción e quedou finalista no premio Torrente Ballester; coa segunda, gañou a terceira convocatoria do Illa Nova para autores menores de 35 anos, e, coa terceira, vén de impoñerse [o ditame deuse a coñecer este xoves] na 36.ª edición do concurso de novela García Barros. O escritor e xornalista Abel Tomé Piñeiro (Outes, 1984) serviu unha obra da que o xurado enxalza «a súa capacidade para fusionar realidade e lenda nunha narración que avanza no territorio avolto dos segredos familiares ao longo da historia de todo un século». O libro A noite do oso está escrito —sinala o fallo— «con innegable oficio», conformando un texto no que Tomé «ganduxa as fías do relato persoal e o comunal, establecendo un diálogo feraz coa figura da poeta Sylvia Plath, que presta a esta narración simbolismo e poder evocativo».

Tomé curtiu a escrita nos seus estudos como graduado en Xornalismo, que supuxeron unha inflexión decisiva na súa vida, despois de completar un ciclo formativo de Frío Industrial e ata empregarse como soldador —máis tarde participou na creación dunha empresa de embutidos e conservas gourmet galegos, Casa da Avoa—. Pero o seu imaxinario ten fondas raíces na cultura popular mass media que marcou á xeración nada na década dos oitenta, modelada na canteira do Xabarín Club da TVG —espazo televisivo mítico cuxa estrea cumpre agora os trinta anos—, na que acumulou «mil horas de debuxos animados». De feito, na súa literatura, non son estraños os condimentos do misterio, a aventura, o humor, o suspense, as ambientacións históricas, o crime, o medo, a investigación policial...

E vese que o autor ten ben dominadas as teclas. Non só polos recoñecementos citados con respecto a esta triloxía. Impúxose, xa como estudante —cun traballo académico xunto a outros compañeiros—, no Premio Nacional de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro, no 2013. Tamén foi gañador, dous anos despois, do primeiro premio de poesía organizado pola revista A Pipa de Becerreá. E o ano pasado, na súa única incursión no target infanto-xuvenil, publicou Liliam Strawberry e o paxaro da morte, un relato de fantasía co que quedara finalista no concurso do premio Merlín 2022. Actualmente, inquedo como é como creador outés, compaxina labores en comunicación e o deseño cun máster en Dereitos Humanos.

O xurado do concurso de novela García Barros estivo integrado polo filólogo e ensaísta Carlos Loureiro —autor, por certo, de Manuel García Barros. Vida, obra e pensamento— como secretario; Noelia Gómez Calvo, xornalista e poeta; Armando Requeixo, crítico literario; Rosalía Morlán, escritora; e Marcos Calveiro, director de edicións do selo Galaxia, que levará ás librerías a obra gañadora.

Cunha dotación económica de 9.000 euros, o premio está organizado polo Concello da Estrada en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e a propia editorial. O concurso —que homenaxea ao mestre, labrego, académico correspondente, galeguista e escritor estradense Manuel García Barros (Berres, 1876-Callobre, 1972), que utilizaba o pseudónimo literario Ken Keirades para asinar os seus artigos anticaciquís— entende que un dos bens máis prezados de Galicia é a creación literaria, «que redunda nun amplo desenvolvemento da propia identidade» e supón unha achega moi relevante no proceso de normalización lingüística e cultural.