Domingo García-Sabell (1909-2003), brillante e preciso como poucos, foi, no mapa da intelectualidade galega do seu tempo, unha das grandes personalidades pola súa riqueza e polifacecia cultural, e pola agudeza coa que se achegou a temas moi relevantes e a certas realidades sociolóxicas e espirituais de Galicia.
García-Sabell, aquel mozo universitario que presidiu a FUE, non era, na Segunda República, un militante galeguista, pero, arredor de 1950, descobre, de xeito esencial, a galeguidade cando coñece en Compostela a un cavilador máis novo ca el, Ramón Piñeiro (1915-1990), o construtor e ideólogo do moderno galeguismo. A García-Sabell engaiolouno, como a tantos outros, Piñeiro: pola súa orixinalidade conceptual, pola súa abnegada e constante entrega a unha causa e, como dixo o profesor Manuel Rodríguez Álvarez, por ser un políglota «que coñecía todas as linguas do espírito».
Décadas antes, no Londres do XIX, as vidas de Federico Engels e de Carlos Marx, alí exiliado, cruzáronse, e axiña Engels, rico pola casa e de notorio talento, se decatou de que Marx, o xenio, necesitaba, ademais de colaboración, axuda económica, que o sabio camarada recibiu anos e anos sen que entre eles se producise ningunha asimetría. En Compostela, arredor de 1950, Domingo García-Sabell non tardou en decatarse das axudas, tamén económicas, que necesitaba Ramón Piñeiro, aquel Sócrates de Láncara, para desenvolver o seu labor intelectual entre a xente moza universitaria na súa cátedra extraoficial da rúa Xelmírez, 15, 5.º, por certo, un piso do que era propietario o doutor García-Sabell.
O ilustre doutor compostelán soubo axiña que Piñeiro era o xenio, quizais un xenio moral, como afirmou a filósofa Amelia Valcárcel. É o García-Sabell que, en 1967, co gallo do ingreso de Piñeiro na Real Academia Galega, escribiría: «Xa ía sendo razón de que ti recibises, pola túa parte, un agasallo. Ben merecente es del. Eu seino con sabenza patética, porque eu sei do teu vivir nos anos escuros. Naqueles anos en que ti andabas como un pobre de pedir a bater en todas as portas procurando unha esmola de galeguidade».