A publicación do CCG incide na diversidade creativa da autora
14 may 2024 . Actualizado a las 17:45 h.«Entender ou viver? Eis a cuestión». Estes versos de Luísa Villalta incluídos en Ruído (1995) son a base do título da publicación coa que o Consello da Cultura Galega (CCG) homenaxea á autora protagonista do Día das Letras. Nesta ocasión, non se trata dunha edición facsimilar dun traballo, como acontecera nas últimas edicións, senón que Luísa Villalta: entender para vivir está concibida como un diálogo entre quince autores do ámbito da escritura e unha artista plástica coa obra da figura enxalzada neste 17 de maio.
Para revisitar a obra de Luísa Villalta e manter esa conversa buscaron persoas «que tiveran un vínculo persoal e afectivo con ela, non só coñecemento da súa obra», resaltou a presidenta do Consello da Cultura, Rosario Álvarez, durante a presentación do traballo. Deste xeito, participan no volume Xosé María Álvarez Cáccamo, Vicente Araguas, Estíbaliz Espinosa, Eduardo Estévez, Francisco X. Fernández Naval, Míriam Ferradáns, Pilar Pallarés, Chus Pato, Henrique Rabuñal, Román Raña, Cesáreo Sánchez Iglesias, Xurxo Souto, Marga do Val, Eva Veiga e Miro Villar. A eles hai que engadirlle a ilustradora Ana Pillado. A publicación, da que se editan 500 exemplares e se pon a disposición de xeito gratuíto a través da web, tamén inclúe como pequeno agasallo un caligrama que a propia Luísa Villalta lle dedicou a Francisco Pillado.
A coordinadora de Luísa Villalta: entender para vivir, Dolores Vilavedra, explicou que neste traballo quixeron «ser fieis ao espírito da escritora e iso significa facer da arte literaria unha ferramenta para entender o sentido da vida». Fixo fincapé, ademais, en que no eido literario convidaron a quince voces de distintas xeracións que representan a historia da literatura galega en vida, que escolleron os fragmentos da obra da homenaxeada sen que ninguén repetira. «Na obra de Luísa Villalta hai materia de sobra para interpelar, é unha obra inesgotable na súa variedade», afirmou. Pola súa banda, Margarita Ledo, en representación da Real Academia, incidiu na «grandeza dunha autora que atravesou todos os xéneros literarios». A irmá de Luísa, Susana Villalta, que participou no acto xunto a súa nai, mostrou a súa emoción e gratitude pola publicación, que terá continuidade cun recital cos autores participantes e cunha peza videográfica despois do verán.
Portal web e concerto
Ademais de presentar a publicación, o Consello da Cultura tamén abriu un espazo web con todo o material co que conta de Luísa Villalta, incluíndo tanto a información que xa figura no Álbum de Galicia, como documentos e artigos, así como a súa propia voz, xa que participou tamén en actividades da entidade cultural. «É un especial que se vai ir enriquecendo ao longo do ano», detallou Rosario Álvarez.
Este xoves a institución programa un concerto especial das Letras no Teatro Colón da Coruña (20.30 horas). O Grupo Instrumental Siglo XX e o baixo-barítono Daniel Mosquera estrearán o Concerto para un home só, unha obra orixinal do compositor Federico Mosquera con texto de Villalta. O programa complétase con obras de Antonio Vivaldi e de Edmond Buharaja. Ademais, o CCG dedicaralle unha xornada ao pensamento da autora o día 30 de maio. Intervirán Eva Veiga e Francisco Fernández Naval.