Federico Mosquera estrea este xoves «Concerto para un home só», ópera de cámara baseada na peza teatral da autora Luisa Villalta
14 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.O Teatro Colón acolle este xoves o Concerto das Letras Galegas, que organiza o Consello da Cultura Galega. O Grupo Instrumental Siglo XX dirixido por Florian Vlashi, estrea Concerto para un home só, ópera de cámara a partir da obra teatral homónima de Luisa Villalta (A Coruña, 1957-2004) con música de Federico Mosquera (A Coruña,1986). Trátase dunha encarga do Consello da Cultura Galega ao novo pero asentado músico coruñés.
Ante a súa segunda ópera (estreou outra de menor formato sobre Cargamento de sueños, de Alfonso Sastre, en 2017 en Países Baixos) Mosquera sinala que o seu irmán (o barítono Daniel Mosquera, que o xoves cantará o rol protagónico) foi «o artífice» do proxecto. Como recorda: «Cando se soubo que Luisa Villalta sería a homenaxeada no Día das Letras Galegas, na prensa aparecían títulos de obras súas, entre elas Concerto para un home só. O meu irmán levaba un tempo querendo facer algo xuntos e pensou que esta peza tiña un título suxestivo». Mosquera recoñece que só coñecía a faceta poética de Villalta, pero ao ler Concerto para un home só viu «potencial para converterse en ópera».
É un texto de temática «suxestiva e ligada á música: un violinista chega ao escenario cun violín sen cordas e explica por que non vai dar ese concerto, falando da súa vida ata caer nunha especie de tolemia case esquizofrénica». Ten trazos «do teatro do absurdo, con cambios de humor súbitos, que ofrecen moitas posibilidades para trasladarse á música». Posto que Villalta foi violinista e dado que a personaxe principal tamén o é, Mosquera subliña que na partitura o violín actúa como alter-ego do protagonista. «El non é quen de tocalo, e por iso a escritura do violín funciona na partitura como unha fantasía do que ocorre na súa cabeza».
Non é sinxelo adaptar unha peza teatral a formato operístico. Houbo que «cortar parte do texto para axustar a duración e porque hai cousas que funcionan en teatro pero non en ópera» aínda que «todo o texto é de Villalta e son fiel á súa proposta». Define a partitura como «poliestilística», con «partes atonais e outras quasi tonais e modais, dadas polo propio contexto», buscando «reflectir os caracteres que amosa Villalta».
Ante a estrea está feliz e «aberto ás propostas dos músicos para que se vexan representados no resultado». Durante os ensaios, non dubida en escoitar as suxestións de Florian Vlashi e sinala que escribiu o rol principal expresamente para o seu irmán: «no proceso de escrita probamos moitas cousas no piano, para adaptalo ás súas necesidades», matiza. Compuxo Concerto para un home só en «catro meses, en paralelo coa miña recente paternidade». Entusiasta, agarda que «teña continuidade e forme parte do repertorio de ópera galega».
Vivaldi e Bach
Hai «ligazóns» entre as tres obras presentes nun programa que se inicia «cun concerto de Vivaldi que aparece citado no texto de Villalta» e inclúe unha peza de Edmond Buharaja, autor albanés que «cita a Bach como elemento esencial da cultura Occidental», comenta Mosquera mentres recorda a preferencia de Villalta por Bach. Celebra que a posta en escena «enriquece a proposta, convertendo a primeira parte do concerto nunha especie de abertura da ópera na que o protagonista está a escoitar un concerto privado na súa casa».
O autor emociónase recordando que a partitura está dedicada de forma póstuma ao crítico e compositor coruñés Julio Andrade «gran amigo e figura fundamental na vida musical coruñesa» finado en 2020. Mosquera sostén que Andrade «aínda agarda pola homenaxe que merece» e por iso ve esta dedicatoria como «a miña homenaxe persoal». Engade estar seguro de que «a Julio teríalle gustado este proxecto de facer unha ópera en galego porque era un gran afeccionado á lírica».
Nun século XXI fecundo no que á creación operística galega se refire, espérase con interese Concerto para un home só, coa que Federico Mosquera da un paso máis para colocar a Luisa Villalta na posteridade nun campo que amaba en especial: o musical.