Guadi Galego, Terbutalina e Gloria Pavía, entre os premios Martín Códax

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

CULTURA

CAPOTILLO

A gala rendeu unha cálida homenaxe a Emilio Cao co seu galardón de honra

16 may 2024 . Actualizado a las 16:40 h.

Por unhas horas, e coa entrega da undécima edición dos premios Martín Códax, o Pazo da Cultura de Pontevedra converteuse no epicentro musical galego, un encontro no que o tema de Ti que me levas, de Xurxo Souto, se erixiu en himno da velada. Acompañado pola banda Xangai, transformou a gala nunha gran festa na que se homenaxeou co premio de honra a Emilio Cao.

Recoñecido por recuperar a arpa celta para a música galega, o compostelán iniciou a súa andaina nos primeiros anos setenta ata converterse en todo un referente no devir do folk nas últimas décadas. Foi o seu fillo, Mateo Cao, quen recolleu o melómano da man do presidente das bodegas Martín Códax, Xoán Allegue López, e da directiva de Músicas ao Vivo, entidade organizadora dos galardóns, que, a través de Patty Castro, reivindicara a cultura de proximidade e a contratación de bandas e artistas galegos nas programacións musicais. Subliñaron, de igual xeito, que estes premios son «un elemento de cohesión e plataforma para apoiar e potenciar a dignificación e profesionalización dos traballadores da musica no país».

Os primeiros galardóns recaeron en Her Anxiety, banda viguesa de metal, e Guadi Galego, quen, tras máis de 25 anos de carreira, neste 2024, leva aos escenarios o espectáculo Síntese horizonte. Brais Morán & Nasaufunk recibiron o galardón na categoría de blues, funk e soul; o cantareiro e bailador Mondra, na de electrónica; e Caamaño & Ameixeiras, como acontecera hai dous anos, na de folk.

O melómano de música tradicional recaeu en Os Melidaos, que desde o 2001 apostan polo futuro dos sons tradicionais desde Melide, mentres que Catuxa Salom, unha das revelacións da escena galega —que mañá actuará en Pontevedra— recolleu o de músicas do mundo e mestizaxe. A Agrupación Musical de Goián, proxecto que mestura voces e instrumentos tradicionais con outros contemporáneos, fíxose co premio á mellor banda de música popular. Terbutalina recibiu o galardón no apartado de rock e punk; a artista coruñesa hydn, quen sorprendera aos eurofáns coa súa proposta en galenglish, o de músicas urbanas; e América de Vigo, o de orquestras, grupos e músicas de verbena, premio que xa recollera hai dúas edicións. Carme López, pola súa banda, obtivo o de música clásica e contemporánea, mentres que en jazz e músicas improvisadas se recoñeceu o Pablo Sanmamed Trío con Benxamín Otero. En pop e indie, a poeta e compositora Lucía Aldao; e en música infantil, a Uxía Lambona e a Banda Molona.

Gloria Pavía recibiu o galardón da artista emerxente, mentres que os Organistrum foron a parar á sala A Arca da Noe, o festival As Nosas Músicas de Couso e a Miudiño Sessions.

A gala rematou como o que foi, unha festa con Xurxo Souto convidando a compartir o escenario a MJ Pérez, Ugia Pedreira, Sofía Espiñeira e Inés Naya, que interviñeron en diferentes momentos da noite.