Luísa Villalta, «unha artista multixenérica» chea de sensibilidade e compromiso
CULTURA
La Voz de Galicia ofrece este venres aos seus lectores un libro que indaga a figura e a obra da autora homenaxeada polo Día das Letras Galegas
16 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Como cada ano, La Voz de Galicia achega aos seus lectores e subscritores unha publicación que conmemora a figura homenaxeada polo Día das Letras Galegas. E este 2024 a honra está protagonizada pola escritora Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004). O traballo correu ao cargo da xornalista Sara Pérez Peral, que presentou Luísa Villalta, a poesía en que salvarse nun encontro na redacción do diario coa periodista Gladys Vázquez; Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega (RAG), e María Pilar García Negro, profesora da Universidade da Coruña (UDC) e ensaísta. O libro poderase adquirir co xornal do venres 17 de maio por un prezo de 1,95 euros. O volume —explica Sara Pérez— fai un repaso pola vida e a obra da autora, «unha artista multixenérica —di— que tanto escribe poesía coma narrativa, ensaio ou teatro, e ata toca o violín ao máis alto nivel».
O que compón este texto é un relato que chega das voces que a estudaron e que a trataron, como son as de Teresa Pastor, Marga do Val, Mercedes Queixas, Miguel Mato Fondo, Teresa Seara e a propia García Negro, sen esquecer algúns dos seus exalumnos —Fernando Pazos, Montse Pena e Xabi López— que dan a súa visión da Villalta profesora. O retrato complétao a súa irmá, Susana, que conviviu con ela e a coñeceu ben, e que escribe unha carta que pecha o libro na que lle manda unha mensaxe a Luísa.
Entre todos os matices dese debuxo colectivo, sinala Sara Pérez Peral, o que máis lle sorprendeu foi a sensibilidade e o compromiso que Luísa Villalta tiña coa súa familia, os seus amigos, os seus alumnos, coa música, coa palabra... «E —profunda— o seu xeito de loitar contra o que ela entendía que estaba mal, desenvolvendo un pensamento crítico que tratou de trasladar aos seus alumnos, para que pensasen, para que tivesen pensamento propio. Tamén me chamou a atención a afouteza que amosaba no labor de darlle voz á batalla contra as inxustizas, por tomar parte». O lector, incide, vai atopar neste libriño «unha persoa moi coherente, que descobre a lingua e a cultura galegas, e todo ese camiño que inicia e fai ela para defender a súa idea. Era unha loitadora», resume Pérez Peral.
Esa loita está hoxe nos fundamentos, terza Freixanes, da celebración do 17 de maio. Nos primeiros anos das Letras, desde 1963 —argúe—, «era todo sota, cabalo, rei», e cita a Rosalía e Castelao como exemplo de figuras indiscutíbeis. «Agora —prosegue— hai unhas propostas variadísimas, que, ademais, veñen da base social, que é o que a nós nos interesa, que o país se implique nunha data que ten moito de festa e moito de reivindicación. E en Luísa, como sucedeu no caso de Lois Pereiro ou de Xela Arias, honramos unha representante desas novas xeracións que asumen e enfrontan a lingua como unha descuberta e, ao tempo, como unha bandeira de identidade, a do lado en que queremos estar».
Este impulso, di, chega co talento de todos eles, e cada un desde a súa especialidade. No caso de Villalta, coincide con Sara Pérez Peral, «trátase dunha personalidade moi plural, que toca moi diferentes paus, pero con moitísima calidade».
O que máis o encandeou a el, admite, foi o pensamento. «En particular, o ensaio que ten sobre a peza teatral do Don Hamlet de Álvaro Cunqueiro, pero tamén os textos que deixou sobre a relación de música e poesía. Porque un creador —recalca— é sobre todo aquel que deita unha mirada diferente sobre a realidade que nos permite a nós descubrir un novo foco que ilumina o escenario. E iso é a obra de Villalta», remata.
A máxima de que «todas as artes son amigas» e a peza teatral inédita «Os pasos contados»
María Pilar García Negro recomendaría como lectura o primeiro poemario editado por Luísa Villalta, Música reservada, onde —lembra— a autora xa aclara nun prólogo a súa poética, esa unión íntima da poesía coa música. «Toda a súa obra certifica aquela máxima da Grecia antiga de que todas as artes son amigas, e quen intente separalas non comprenderá ningunha». A profesora incide tamén no valor que agocha esta súa obra multixenérica, un camiño, anota, que non é excepcional na cultura galega, senón unha constante. «Vémolo só con acudir á obra de grandes artífices, como Rosalía de Castro, Castelao e Blanco Amor, pero podería nomear moitos máis. Hai nesta actitude unha vocación de modernidade enorme. Luísa non se axusta ás preceptivas ou a un cultivo monográfico predeterminado. Hai unha simbiose». Mesmo na literatura, di, móvese nos ámbitos da poesía, a narrativa, o teatro, o ensaio, o xornalismo... E enxalza «o seu traballo como columnista en A Nosa Terra durante máis de dous anos, semanalmente, onde acadou moitísimos seguidores; ten auténtico oficio de xornalista».
Tamén no ensaio brilla, subliña: a súa investigación sobre o Hamlet de Cunqueiro é dunha finura e dun rigor analíticos que realmente, lamenta, non teñen moita descendencia no panorama actual. Pero é que mantén a súa vixencia tamén en ensaios sobre música ou respecto da escrita, sobre mulleres, feminidade e feminismos, sobre teatro, enumera García Negro, que recorda con gusto outros traballos de Villalta, como a tradución do Manifesto por un novo teatro de Pasolini. «Todo iso ben considerado no seu momento e ben analizado hoxe, vinte anos despois, comunica unha fotografía da cultura galega moito máis rica, densa e variada do que estamos tantas veces afeitos a coñecer e mesmo a transmitir», advirte a profesora luguesa.
E queda incluso obra inédita por sacar á luz, anota García Negro, que relata como a profesora da UDC Carme Fernández Pérez-Sanjulián descubriu no arquivo Francisco Pillado Mayor —en cuxo acto de doazón interveu Villalta, e que obra na custodia da Facultade de Filoloxía— dous mecanoscritos orixinais dunha peza de teatro nunca publicada, Os pasos contados. «Pero as xestións que fixemos para tratar de publicala na colección de teatro da universidade fracasaron; non foi posible, non obtivemos o permiso da familia», dóese.
O papel das mulleres como piar crucial da cultura galega
O máis importante do Día das Letras que promove a Real Academia Galega é que «xa non é unha festa da Academia, é unha festa social —proclama Víctor F. Freixanes—, é a sociedade a que participa, a chea de actos de todo tipo, iniciativas, desde empresas, supermercados a asociacións culturais... A xente de base que converte o 17 de maio no gran festexo da lingua, de afirmación da identidade dun país, ese día nacional da cultura galega arredor de algo que a todos nos ten que encher de orgullo». E insiste: «É a única lingua ou literatura que eu coñezo que ten como primeira bandeira a unha muller, a Rosalía de Castro, unha figura xigantesca que, ademais, como ela mesma dicía nun dos seus prólogos, ergue a bandeira e todos imos detrás». Iso é algo que ten que facerlles reflexionar aos galegos, o papel da muller na cultura, que incluso na tradición popular ás veces se lle discute a súa relevancia. «Como que as nais non lles falan aos nenos? A cultura galega existe porque as mulleres —por exemplo, no mundo na música popular— foron quen de transmitirlles aos seus fillos o corazón do idioma, o corazón da lingua, que é o corazón do país», enxalza o presidente da Academia, para lembrar: «Eu son un neofalante, educado na cultura urbana da Galicia dos anos cincuenta e sesenta. Que se falaba entón en Pontevedra? O castelán, o que dominaba era o castelán. Pero hai un momento no que nós temos que decidir que queremos ser de maiores».
O que se festexa nesta edición das Letras é a obra ampla e moi variada de Villalta, cuxa primeira publicación foi un folleto de teatro que recollía o texto debido ao alento de Francisco Pillado, que invitou á autora a converter o relato Concerto para un home só en monólogo teatral, e que editou Cadernos da Escola Dramática Galega. Viñeron despois case vinte anos de produción nunha traxectoria que segou inesperadamente unha morte temperá.
Unha figura e unha obra, a de Luísa Villalta, que por fin recibe a atención e se difunde como merece, e da que queda moito por descubrir, como sostén animosa a profesora María Pilar García Negro, que foi, ademais, boa amiga da poeta: «Nós o que queremos é que non remate a romaría o día 18, hai ano abondo aínda para familiarizarse, para encariñarse coa obra de Luísa», conclúe.