Ogran director e produtor de cine estadounidense Orson Welles, sempre namorado de España, estivo cando menos dúas veces en Galicia. A primeira foi acompañando a Luis Miguel Dominguín na praza de touros de Pontevedra, anos despois de que, en 1944, o toureiro tomase a alternativa na Coruña. Foi unha época na que Galicia chegou a ter máis de dez prazas de touros, e Pontevedra era un bastións taurino. Welles, cámara en man, gravou daquela imaxes que logo lle vendeu á canle pública italiana RAI.
A segunda visita galega de Welles data de 1964. E foi con motivo da súa visita a Santiago, onde acudiu en busca dun escenario para filmar unha cinta de intriga para a que el escribira un guión titulado Blind Window [Fiestra cega], proxecto que debía ser impulsado polo produtor madrileño Andrés Vicente Gómez. A versión en español redactouna un crítico de cine mozo, que me facilitou unha copia do texto. De certo, foi un filme que nunca se rodou, pero na memoria de Welles quedou a visión fascinada dunha Compostela sen igual, un espazo que logo tivo a tentación de recuperar para Badaladas a medianoite (1965), unha magnífica película shakesperiana feita en España que acadou gran recoñecemento.
Pero foi no Madrid franquista onde un Welles namorado de España tivo un maior protagonismo, en paradoxal contraste co gran escritor Ernest Hemingway, que vivira en Santiago en 1927 e 1929 e a quen logo frecuentara nas corridas de touros de Pamplona, onde coincidiron varios anos. De feito, cando Hemingway se suicidou o 2 de xullo de 1961 en EE.UU., Welles estaba esperándoo en Pamplona. E foi o cineasta o que dirixiu a homenaxe ao escritor que máis internacionalizara as singulares festas dos sanfermines, que desde entón son visitadas cada ano por moitos estranxeiros, tamén por moitos norteamericanos lectores de Hemingway.
Outro soño galego de Welles foi a adaptación ao cine de Divinas palabras de Valle-Inclán en 1971, nunha coprodución francoitaliana, con actores coma Terence Stamp, Rita Hayworth e Ornella Muti. Pero deste ambicioso proxecto nunca máis se soubo.