Os produtores independentes galegos outorgan o premio Dolores Ben á traxectoria da asesora lingüística Rosa Moledo

G. Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Rosa Moledo.
Rosa Moledo.

O colectivo Agapi recoñece «o labor e a persoa» da tradutora nos ámbitos do cine, a televisión e o teatro

24 may 2024 . Actualizado a las 00:02 h.

A Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi) distingue co premio de honra Dolores Ben —na súa terceira edición— «o labor e a persoa» da tradutora e asesora lingüística Rosa Moledo. O galardón foi creado no 2021 para recoñecer a persoas e institucións que encarnan os valores de defensa do interese común que a propia Dolores Ben representaba como «muller rexa, loitadora e imprescindíbel no panorama cultural galego e estatal, coa súa dedicación a construír un horizonte sólido de futuro para o sector audiovisual».

Nada en Gosolfre, Chacín, Mazaricos, logo de estudar na Escola de Idiomas da Coruña e na Facultade de Tradución da Universidade de Vigo, Moledo leva máis de trinta anos dedicándose á tradución audiovisual e ao asesoramento lingüístico. Como tradutora ten no seu haber numerosos traballos tanto para televisión como para cine —Sei quen es, A lingua das bolboretas, Os luns ao sol, Cela 211, Engurras, Os fenómenos, O noso último verán en Escocia, Lupin, O lapis do carpinteiro, O ano da carracha, Abrígate...—, e como asesora e supervisora lingüística colaborou en numerosas sesións de dobraxe e rodaxes —Mareas Vivas, Fariña, El caso Asunta...—. Leva tamén varios anos realizando o asesoramento lingüístico e a coordinación e corrección de textos para a súa publicación das obras producidas polo Centro Dramático Galego.

A entrega do premio a Rosa Moledo terá lugar o vindeiro día 18 de xuño, ás 19 horas, en Cinemar Films, estudio cinematográfico de son fundado por Dolores Ben no ano 2006, e situado no polígono de Novo Milladoiro, preto de Compostela.

O primeira edición do galardón distinguiu o labor da poeta e xornalista cultural Ana Romaní e a segunda foi para a xornalista Tereixa Navaza.