Alejandra Murguía

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

CULTURA

26 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde hai meses teño no meu poder un valiosísimo corpus epistolar: 55 (sic) cartas de Alejandra (1859-1937), a filla primoxénita de Rosalía e de Murguía, a dona Angelita Santamarina (1863-1956). Posúo, en realidade, a fotocopia das misivas (non os manuscritos orixinais), que puxo nas miñas mans a bibliotecaria ourensá Ángeles Fernández, a persoa, hoxe por hoxe, que máis sabe sobre o riquísimo legado artístico de dona Angelita. Muller moi rica e dona de dous títulos nobiliarios, dedicou parte da súa fortuna a institucións de beneficencia e a axudar a certas persoas, entre elas, desde 1916, a familia de Rosalía de Castro. Desde a primeira carta coñecida, do 6 de marzo dese ano, Alejandra atúa á «Señora Doña Ángela Santamarina, viúda de Temes», quizais porque se portiñan, se nos atemos a unha carta («y para ti, la más noble y buena parienta…»; 28-10-19).

Dona Angelita foi moi amiga do sacerdote e poeta Antonio Rey Soto (1879-1966), do que Ángeles Fernández atopou unha interesantísima carta que lle remitiu Alejandra con precisións rosalianas descoñecidas polos estudosos: «Esto es todo lo que yo puedo decirle, porque mi pobre madre era de las que no tienen historia. Sólo añadiré que no estaba siempre enferma, ni deformada, como dice Besada; un poco ancha, efecto de haber traído a este mundo siete hijos y tenido cinco abortos, que no me parece poco, pero nada más».

En canto ás 55 cartas a dona Angelita, cómpre dicir que son esenciais para coñecermos as penurias económicas de Murguía e as súas fillas no período 1916-1925 («Mi padre está en Curtis [no balneario] gracias a ti»; verán de 1918). Non son irrelevantes os datos sobre a biografía e a bibliografía de Rosalía de Castro.

No elenco artístico (pintura de valía, mobles históricos, vaixelas, tapices…) hai unha peza especialmente entrañable, con esta inscrición: «Este pañuelo perteneció a Rosalía de Castro y fue regalado por una hija de ésta a la Sra. Condesa del Valle de Oselle». Somos moitos os que desexamos asistir á Mostra Artística Santamarina que con tanta erudición e fervor prepara, desde hai tempo, Ángeles Fernández.