O encontro pecha o programa que conmemora o centenario do Seminario de Estudos Galegos, iniciado no 2023
02 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.
A xornada O futuro dun legado. Encontro do asociacionismo cultural galego a cen anos do Seminario de Estudos Galegos concluíu este sábado na sede do compostelán Museo do Pobo Galego —entidade impulsora da xuntanza— nun esforzo conxunto por profundar nos principais desafíos que este tecido social ten por diante. O relevo xeracional, a busca de novos espazos nas propias estruturas para as mulleres e a xente nova, a importancia de colocar os coidados no centro e a necesidade de diminuír a dependencia económica das subvencións públicas afloraron como algunhas das máis relevantes preocupacións que estes colectivos enfrontan.
Á cita acudiron unha trintena de asociacións de todo o país que están a desenvolver labores na investigación e a divulgación do patrimonio nos seus distintos ámbitos, xa sexa cultural, natural, social, científico, inmaterial ou histórico. «De onde vimos? Onde estamos? Quen somos? E cara a onde imos?». O encontro pivotou en torno a estes catro interrogantes, que actuaron como punto de partida para poñer en común as problemáticas, dificultades e retos que xorden na xestión dos seus proxectos, ademais de buscar novos camiños compartidos. Nesa liña, detallan desde o Museo do Pobo, os grupos participantes valoraron como necesaria unha xuntanza que agardan que teña continuidade para seguir tecendo e reforzando unha rede de intercambio.
O encontro supuxo o colofón ao programa de actos conmemorativos do centenario do Seminario de Estudos Galegos (SEG), a entidade que impulsou a modernización cultural e científica de Galicia desde a súa creación en 1923 ata que trece anos despois o golpe militar «truncou a súa actividade, mais non os seus ideais». Segundo insistiu o director do museo, Manuel Vilar, «o espírito do SEG non foi aniquilado en 1936, senón que segue moi presente. Porque temos un patrimonio cultural que é fundamental para existirmos como sociedade, un patrimonio que temos que nomear, coñecer e transmitir ás xeracións que veñen detrás, tal como a xente do Seminario fixo para que nós poidamos encontrarnos hoxe aquí».