Centenario de Kafka

CULTURA

Franz Kafka (1883-1924).
Franz Kafka (1883-1924).

05 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado luns cumpríase o primeiro centenario do pasamento do gran escritor checo Franz Kafka (1883-1924), un dos máis destacados autores da literatura universal, cunha moi lograda fusión de elementos realistas e fantásticos. Un creador que deixou un longo rastro de influencias en grandes autores posteriores como Albert Camus, Jean-Paul Sartre, Jorge Luis Borges e Gabriel García Márquez.

Novelas súas como O proceso, O castelo ou A metamorfose significaron un longo avance literario-creativo. Porén, a súa vida foi unha amarga loita pola supervivencia, e varias das súas obras viron a luz despois da súa morte grazas a que o seu gran amigo Max Brod ignorou o desexo do autor de que todos os seus manuscritos foran destruídos. Así se salvou unha das obras literarias máis orixinais do século XX

Admirador declarado de Cervantes, Dickens, Flaubert e Goethe, Franz Kafka foi tamén un lector asiduo de Nietzsche e de Darwin. Porque toda a súa vida se centrou na literatura, á que se dedicou con gran talento e moi abnegada entrega.

En 1992 pasei unha semana en Praga cubrindo informativamente a separación da República Checa e Eslovaquia, como novas nacións nacidas da vella República de Checoslovaquia creada o 28 de outubro de 1918. Foi un proceso tan modelicamente pacífico que tiven tempo para visitar o espazo físico do gran escritor xudeu Franz Kafka e respirar o coñecemento da súa desencantada vida, finalmente tráxica. Unha cita que tivo para min moito de reveladora aproximación periodística e literaria, ilustrado por un guía improvisado que complementou os meus escasos coñecementos sobre o escritor.

Agora, pasados tres decenios, coido que a paixón literaria por Kafka aparece algo desinflada, quizais porque sexa certo aquilo de que os tempos cambian a percepción das «antigas realidades». Quizais por isto tería agora moito sentido recuperar a Kafka, para saber de onde vimos. Porque el escribiu unhas das obras máis influentes e determinantes da literatura universal, e aínda hoxe o termo kafkiano segue a ilustralo todo máis aló das súas propias creacións literarias.