Así se chama un dos máis singulares e importantes galaicistas existentes, moi superior, mesmo, ao Príncipe Luís Luciano Bonaparte, aquel extraordinario filólogo que no ano 1861, en Londres, editou, financiou e prologou a tradución galega do Evanxeo de San Mateo, de feito o primeiro libro en lingua galega das nosas Letras. O filólogo Takekazu Asaka (Toquio, 1952), que non naceu en berce dourado, asombra pola súa biografía: licenciado en Economía Internacional en 1975, non tarda en entregarse de cheo á súa verdadeira paixón, a Lingüística, en principio ao estudo das linguas estatais da península Ibérica e, axiña, ás linguas minoritarias e minorizadas da pell de brau, co idioma galego como referencia capital.
Lingüista que procede dun espazo idiomático tan lonxe das linguas indoeuropeas, aprendeu o galego, nos primeiros anos, nos libros da editorial Galaxia, e, logo, nas súas viaxes a Galicia, moitas, fixo auténticos exercicios de inmersión lingüística en aldeas aínda de falar enxebre, como San Martín de Suarna, na compaña de Antón Santamarina, ou certos lugares do Salnés, acompañado por Francisco Fernández Rei. Docente universitario de lingua castelá no seu país, dedicou unha boa parte dos seus esforzos a elaborar traballos filolóxicos que permitisen coñecer, aos hispanistas das esixentes universidades niponas, as peculiaridades do idioma galego. De feito, na súa tese de doutoramento, de 1985, debruzouse sobre o infinitivo conxugado; xa cunha sólida formación, coordina o manual As linguas da Península Ibérica dende o punto de vista sociolingüístico (2005). É moi ampla a súa bibliografía galega: divulgación, investigacións e tradución (Rosalía, Martín Codax, Lorca, Neira Vilas...).
Por todo isto, foi nomeado Académico de Honra pola Real Academia Galega. Mañá, sábado, será o seu discurso de ingreso titulado Unha ollada dende Xapón á lingua e á cultura galegas. Será en Cambados, como homenaxe, penso, ao gran poeta Ramón Cabanillas do que traduciu varios libros. Nesa sesión, plenaria e extraordinaria, será recibido, no seu nome, polo académico numerario F. Fernández Rei.