Antón Reixa reivindícase como poeta cunha antoloxía que percorre 50 anos

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

CULTURA

O café De Catro a Catro, en Vigo, acolleu a presentación do libro de Reixa, ao que acompañaron Alberto Avendaño e Manuel Xestoso.
O café De Catro a Catro, en Vigo, acolleu a presentación do libro de Reixa, ao que acompañaron Alberto Avendaño e Manuel Xestoso. Xoán Carlos Gil

O selo Kalandraka publica unha escolma da súa obra en «Enciclopedia perplexidade»

22 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Antón Reixa (Vigo, 1957) séntese poeta, aínda que sabe que non é a faceta máis divulgada da súa ampla traxectoria no labor artístico. Ata tal punto o sente que é quen de dicir que cambiaría todo o que fixo na vida por dar un recital de poesía cada día. Este venres volveu comprobalo durante a presentación de Enciclopedia perplexidade, a escolma antolóxica preparada polo poeta Xabier Cordal sobre a súa poesía desde 1976 ata a actualidade e publicada polo selo Kalandraka. «Estou moi contento polo resultado porque Cordal, que sabe da miña poesía máis que eu mesmo, fixo unha ordenación orgánica do que sería un bo curso da lectura para que o lector se sinta cómodo. Eu véxome moi recoñecido en todo porque hai unidade e coherencia», confesa o poliédrico creador. O libro terá unha segunda versión en español, tamén a través da mesma editorial «porque tamén fóra de Galicia a idea que teñen de min é de músico e realizador, e eu quérolles dicir que son poeta».

No percorrido realizado por Cordal están as orixes da produción literaria do líder da banda Os Resentidos. No colectivo Rompente, Reixa aprendeu que os libros non son o único vehículo para a poesía. Pensaba daquela e mantén agora que «a poesía debe estar nos escenarios e que debe alimentar iso que chamamos performance». E amosouno onte, moi feliz de coincidir no escenario con Alberto Avendaño, outro membro de Rompente, no recital de presentación do libro no café vigués De Catro a Catro.

Ante o resumo en 150 páxinas dos seus case que 50 anos de versos, o autor reafírmase na idea de que os textos son para ser recitados. E no proceso da súa construción, destaca a presenza da ironía e a conversión de material rescatado da vida cotiá en obxecto literario. «Lembro hai case corenta anos, que volviamos en coche a Vigo pola noite e paramos nunha cafetería desas que están abertas toda a noite. Un borracho achegouse a min e, mirándome aos ollos, díxome: ‘Se lle tiramos unha foto a un cadáver e sae movida, quen ten a culpa, o fotógrafo ou o cadáver?’. Ese é un material que eu non puiden desbotar e que incluín en poemas porque creo que na vida ordinaria é onde hai máis poesía», subliña.

E o título desta escolma antolóxica? «É pola perplexidade e sorpresa que sinto ante o mundo e o desconcerto que iso me produce, é o punto de vista que máis aparece na miña poesía», contesta o autor. Nesta mesma idea incide Xabier Cordal ao referirse ao Reixa «máis característico» como un «suxeito perplexo» que reflexiona sobre a sociedade en descomposición, que se expresa con frases sincopadas e ten «capacidade radiográfica para observar diálogos e territorios».

As risas do público

A reivindicación actual da súa faceta poética non supón unha renuncia ás demais vías expresivas empregadas por el ata agora. De feito, afirma o creador que o seu paso polos escenarios musicais, tanto con Os Resentidos como con Nación Reixa, aprendeulle a non ser un «poeta coñazo». «Ás veces hai unha degradación da poesía. Por exemplo, eu estou moi afeito a convivir coas risas do público nos meus recitais, e eu agradezo que o público o reciba así. Eses poetas que escriben de amor romántico e cren que son eles os únicos no mundo que están namorados a min non me interesan», advirte.

Cine, televisión, teatro, radio, música, videoarte ou performance son algúns dos espazos expresivos frecuentados por Reixa durante os últimos cincuenta anos, «mais —como matiza Xabier Cordal no limiar do libro— sempre coa poesía en primeiro lugar». Este venres volveu quedar patente sobre o escenario do café onde presentou a súa antoloxía.