Galicia canta é o título do considerado primeiro longa duración da música galega. Editado en Venezuela no ano 1970, trátase dun traballo compilatorio no que participan parte dos integrantes do movemento da canción galega Voces Ceibes xunto co cantautor galego-venezolano Xulio Formoso. Que sexa o primeiro disco da música galega non debe ser confundido con ser a primeira gravación; xa que neste caso, houbo moitas outras anteriores, aínda que editadas noutros formatos diferentes. Nun momento delicado e no marco da ditadura, calquera aceno a prol da consecución dun tempo novo tiña a máxima importancia. Así, no contexto da Universidade de Santiago xurdiu o núcleo principal dos cantores que participan neste traballo: Benedicto García, Miro Casabella, Xerardo Moscoso, Guillermo Rojo, Xoán Rubia ou Xavier González del Valle son os protagonistas. Non eran todos os que conformaban o movemento Voces Ceibes pero si eran unha importante representación para un compilatorio que pasou a historia da nosa música e do que apenas se sabe case que nada. Tamén ten un protagonismo destacable o polifacético Xulio Formoso, un cantante e enxeñeiro galego-venezolano ao que lle corresponde unha boa porcentaxe do protagonismo neste traballo colectivo.
Un dos caviladores e indutores deste proxecto foi o grande escritor e poeta Celso Emilio Ferreiro que naquel tempo estaba vivindo en Caracas unha emigración persoal que en determinados escritos chegou a definir con claridade como exilio. A súa participación culturalmente activa na Irmandade galega de Caracas era un motor importante e motivador para activar proxectos como o da edición deste traballo entre moitas outras cousas. Eran tempos convulsos e a mobilización e o activismo tanto social coma político eran fundamentais contra o franquismo. Celso Emilio Ferreiro foi o principal impulsor de que saíra participando nel activamente como letrista e tocando o pandeiro nun tema. Eu tiven a sorte de coñecer a varios dos protagonistas e podo dicir que foi unha honra compartir momentos inesquecibles con Benedicto García, con Miro Casabella así coma con Farruco Sesto e Xulio Formoso. Instantes da vida arredor da música e deste histórico Galicia canta.