Educar a sensibilidade

La Voz BÁGOAS DE CROCODILO

CULTURA

01 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

nha compañeira da Universidade, preocupada polo futuro dun mundo en mans dos millenials, pídeme unha colaboración para un libro sobre educación da sensibilidade, no meu caso dende a lectura. Mimá! Advertinlle que, ao respecto, son pesimista, sobre a base de que, xeralmente, os optimistas son os pesimistas mal informados. De que falamos ao falarmos de educación da sensibilidade en 2024? Fakes, imaxes falsas, pornografía, pederastia, prostitución, ciberacoso, racismo, homofobia, adoutrinamento en todas as formas do odio, do fanatismo e da violencia... os millóns de mozos cuxo metaverso paralela discorre nun móbil están expostos a todo isto. Todo intrinsecamente prexudicial, malo, perfecto para crear cidadáns agresivos, acríticos, sectarios, racistas, insolidarios, egoístas. Educar? Vai no ADN da humanidade perverter todo que naceu para ser bo.

Temo que, cando en 1990, Tim Berners Lee e os seus colegas do CERN crearon o protocolo http e a World Wide Web, convencidos dos obvios beneficios, non podían sospeitar que, co paso do tempo, Internet se convertería nunha mastodóntica Gomorra que nunca pecha e onde se pode atopar o peor da raza humana. A min, a tecnoloxía de seu, como a relixión, non me preocupa: preocúpame o que se fai con ela. O nome de László Biró quizais non lle resulte familiar ao amable lector, e aínda así a débeda que a humanidade ten con el é impagable. Biró, húngaro, nado en 1899 e finado en 1985, inventou nin máis nin menos que o bolígrafo, un dispositivo de alta tecnoloxía cunha boliña que distribuía a escritura limpamente sobre o papel, alimentándose dunha fina barriña plástica que contiña a tinta nutritiva.

No instituto onde cursei o bacharelato, un compañeiro montaraz puxo o seu Bic de punta no asento do compañeiro de clase, un rillote grande como un armario, que, inocente, sentou con todas as súas forzas, de xeito que, con puntería prodixiosa, o boli alcanzou o obxectivo e case lle esnaquiza o esfínter. Nin que dicir ten que o vitimario recibiu o máximo peso da disciplina do centro e marchou para casa a purgar o bromazo con varias semanas de expulsión. E a vítima? Maldito invento, pensaría.