O día das Artes Galegas do 2025 homenaxeará a Isaac Díaz Pardo

Antón L. Eiroa / R. R. REDACCIÓN/ LA VOZ

CULTURA

XOÁN A. SOLER

O artista é un «referente ineludible» para a Academia de Belas Artes

01 jul 2024 . Actualizado a las 18:38 h.

O próximo 1 de abril do 2025 será unha xornada de celebración para a arte galega. O artista e intelectual compostelán Isaac Díaz Pardo (Santiago, 1920-A Coruña, 2012) vén de ser elixido por unanimidade no pleno mensual da Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA), que o considera «unha figura fundamental e referente ineludible para comprender as artes do noso país».

Ademais, no primeiro de abril do 2025 cumpriranse dez anos da primeira edición desta iniciativa: o primeiro homenaxeado, no 2015, foi o Mestre Mateo, coincidindo co aniversario de colocación dos dinteis do Pórtico da Gloria no século XII.

Díaz Pardo é un dos eixos a través dos que podemos entender a arte galega contemporánea. Home poliédrico —artista, intelectual e empresario—, foi unha ponte entre Galicia e a diáspora no século XX.  Desde a súa infancia na compostelá Rúa das Hortas entra en contacto con figuras prominentes da cultura galega, como Castelao, Pedrayo e Blanco Amor, pero o referente clave nos seus inicios foi seu pai, o pintor e escenógrafo Camilo Díaz, de fortes conviccións republicanas e galeguistas, represaliado no 1936, o que obriga ao aínda adolescente Díaz Pardo a agocharse na casa de seu tío.

Trala Guerra, estuda en Madrid e é profesor auxiliar de debuxo en Barcelona. Durante a década dos 40 inicia a súa curta e interesante carreira pictórica.

No 1949 inicia o xermen do seu proxecto vital: Cerámicas do Castro, no Castro de Samoedo (Sada, A Coruña). Esta iniciativa constitúese nun laboratorio de creación artística e produción artesá. Nunha primeira etapa, traslada parte das súas pinturas á porcelana con certo éxito comercial.

No 1955, Pardo é invitado a Arxentina para continuar coa súa experiencia artístico-industrial. Aquí entra en contacto con persoeiros do exilio: Rafael Dieste, Luís Seoane ou Lorenzo Varela. Ata 1968 alternará períodos entre «as dúas Galicias».  No 1963 funda o Laboratorio de Formas de Galicia xunto a Luís Seoane a cen quilómetros de Bos Aires. Esta plataforma será clave para os posteriores proxectos de Díaz Pardo, centrados na recuperación da memoria histórica de Galicia

O Laboratorio de Formas será o berce de iniciativas como o Museo Carlos Maside, o Seminario de Estudos Galegos ou a recuperación do complexo de Sargadelos, un selo de calidade recoñecible en todo o mundo.  No final da súa vida, apartado da dirección empresarial, recibe numerosos recoñecementos. Agora, o que «sempre estivo facendo cousas», como el mesmo dicía, recibe o recoñecemento da máxima institución galega das Belas Artes.