Elas, as que nos cantaron

Ramón Nicolás

CULTURA

As Pandeireteiras de Mens, durante unha actuación.
As Pandeireteiras de Mens, durante unha actuación. Fondo da Agrupación Folclórica Aturuxo

06 jul 2024 . Actualizado a las 04:55 h.

Sentín sempre fascinación polas persoas que exhiben unha memoria prodixiosa e manexan un repertorio de poesía popular asombroso. No meu caso particular, ao carecer doutras fontes, coñecín parte deste patrimonio, pola década dos anos noventa, ao revisar lingüisticamente dous volumes que Domingo Blanco publicara en Xerais baixo o título de A poesía popular en Galicia 1745-1885. Recopilación, estudio e edición crítica, unha sucesión vizosa de 6.400 textos, previos aos recollidos no Cancionero popular gallego (1885-86) de José Pérez Ballesteros. Dun ou doutro xeito, recoñecíase tamén neste libro a relevancia do Viaje a Galicia (1745) do padre Sarmiento, onde se transcribía a letra dunha cantiga.

Sen dúbida boa parte dese corpus foi creado e transmitido por mulleres e a celebración das Letras do ano vindeiro debería articular un fecundo diálogo entre tradición e modernidade. Cumpriría recoñecernos nas creadoras populares: daquelas das que temos constancia dos seus nomes e apelidos e tamén daqueloutras voces anónimas que posibilitaron que a poesía popular oral chegase viva, ou case, até nós. Asemade, teríase que subliñar a relación entre poesía popular e música: esa aliaxe invisible que se proxecta nas voces de Mercedes Peón, Su Pombo, Mónica de Nut ou Sheila Patricia; nas cancións de Ses, Guadi Galego, as Tanxugueiras e as Fillas de Cassandra; nos acordes e as letras da Banda da Loba e nas de Lontreira, De Vacas, Lulavai, Tremelique ou Caamaño & Ameixeiras, pasando por Adufeiras de Salitre, Ialma ou As Lagharteiras entre outras. Orgullo de música galega, de todos os estilos e cun inequívoco nesgo de xénero: voces que se asentan nunha tradición que vén de lonxe.

Desta maneira valorarase na súa xusta medida, e era sen tempo, o labor das cantadeiras e regueifeiras; recoñecerémonos nas coplas de amor ou traballo; nos alalás e nos parrafeos; nos seráns e nos folións; e mais neses outros termos que manifestan o espírito creador das mulleres que nos cantaron como país. E vai xa o final que, neste artigo, é case de regra concluílo así: «Esta vai por despedida / hoxe aiquí non canto outra / os señores que me oien / d’hoxe un ano m’oian outra».