José López Campos, conselleiro: «O noso maior patrimonio cultural é a lingua, e para protexela hai que falala»

Margarita Mosteiro Miguel
marga mosteiro SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Entre outras iniciativas, ao chegar á consellería, López Campos puxo en marcha unha auditoría sobre o estado das infraestruturas culturais. Na imaxe, este xoves, na sede do Consello da Cultura, onde acudiu para participar na sesión plenaria da institución.
Entre outras iniciativas, ao chegar á consellería, López Campos puxo en marcha unha auditoría sobre o estado das infraestruturas culturais. Na imaxe, este xoves, na sede do Consello da Cultura, onde acudiu para participar na sesión plenaria da institución. Paco Rodríguez

O responsable do departamento autonómico de Cultura ve xustificada «a designación das cantareiras» para a homenaxe do Día das Letras do 2025, xa que son, di, «unha mostra moi importante da nosa tradición popular»

12 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O conselleiro de Cultura, José López Campos, ten por diante importantes retos, que o porán a proba nos próximos meses. Un dos máis importantes, como el mesmo recoñeceu, precisa de consenso político. Trátase do novo Pacto polo Galego. Nas últimas semanas mantivo un primeiro encontro co presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, e quedaron emprazados «para unha segunda reunión coa RAG e co Consello da Cultura, dúas institucións fundamentais para este novo acordo». López Campos entende que non se trata de «abrir o debate sobre as cuestións educativas, porque o decreto estableceu a normalidade; a igualdade do 50 % galego e 50 % castelán está asimilada polas familias», pero recoñece que hai «avanzar na mellora do prestixio da lingua no día a día». «Traballamos —di— nun proxecto que permite normalizar o uso do galego nas novas tecnoloxías, e aí temos que avanzar; estou convencido de que aquelas linguas que non teñan presenza nas redes sociais e no ámbito das novas tecnoloxías serán linguas mortas».

O obxectivo, incide, é que a xente se afaga a utilizalo. «Os datos son moi fríos, pero sinalan que case o 58 % das persoas falan perfectamente galego, e máis do 75 % falan perfectamente galego e castelán, pero ten que ser algo normal». O conselleiro insistiu en que «Galicia non quere imposicións; eu son un firme convencido de que hai que persuadir, e non impoñer». Avoga así por impulsar campañas a través das distintas institucións «para que a xente vexa que o noso maior patrimonio cultural é a nosa lingua, e a mellor maneira de defendela e protexela é falala».

Se no futuro do Pacto polo Galego o consenso está por acadar, no seu segundo reto, López logrou o apoio unánime do Parlamento de Galicia, coa aprobación da creación da Fundación do Panteón de Galegos Ilustres. Tras este proxecto «teñen que estar o Parlamento, a Xunta, o Concello e o Consorcio de Santiago, e, a partir da constitución do seu padroado, empezarase a tramitar a redacción do proxecto de recuperación do panteón». Nesa liña enfrontarase tanto a dignificación «do propio panteón como a actuación na parte externa, que é propiedade do Concello». López Campos cre que se poden dar «as condicións para que a Xunta asuma o financiamento da redacción do proxecto que permita coñecer cales son as necesidades orzamentarias da actuación e ver tamén a maneira de acometelas. Ben sexa por fases ou por execución única, pero o importante é saber o alcance do importe». A recuperación do Panteón de Galegos Ilustres é, en palabras do conselleiro, un obxectivo prioritario. «É un referente, é un símbolo de Galicia, e penso que Xunta, Consorcio, Concello e Parlamento estamos comprometidos co seu arranxo».

Plan de modernización

Un desafío autoimposto para José López Campos —e no que deixa entrever seu pasado como alcalde (foino da Estrada)— é o plan de modernización das infraestruturas culturais de Galicia anunciado na súa comparecencia na Cámara autonómica. Explica que se está traballando na elaboración dunha auditoría sobre o estado e as necesidades de todas as instalacións autonómicas, municipais e de deputacións que hai nos 313 concellos do país.

«Cando teñamos a fotografía fixa de como están todas as infraestruturas, que son o noso faro, onde realmente se fai a actividade cultural no territorio, temos que buscar os recursos necesarios para acometer as obras de mellora precisas». Porén, a proposta dun plan non obstaculizará as liñas de axudas en marcha do seu departamento, xa que «isto paralizaría un investimento que é moi necesario».

Por outra banda, José López Campos, ante a designación do cancioneiro popular como protagonista do Día das Letras Galegas do 2025, lembrou que esta elección non entra nas competencias do seu departamento, pero subliñou que a RAG avaliou diferentes alternativas, e amosouse seguro de que «a arte das cantareiras é unha mostra moi importante da nosa cultura, da nosa tradición popular», e concluíu: «Non me cabe dúbida ningunha de que a designación está xustificada». Recalcou o conselleiro: «Esta manifestación é moi propia da nosa cultura, e, sobre todo, ten unha enorme implicación no noso territorio. En todos os recunchos de Galicia hai moita tradición oral. Penso que toda Galicia se vai sentir representada na honra desta figura».