Morre Xabier Deive, unha das figuras centrais da escena galega e un artista irrepetible

Ramón Loureiro Calvo
Ramón Loureiro FERROL / LA VOZ

CULTURA

O actor Xabier Deive na serie «A Lei de Santos» producida por Voz Audiovisual.
O actor Xabier Deive na serie «A Lei de Santos» producida por Voz Audiovisual.

O mundo da interpretación perde o actor naronés, falecido aos 54 anos

20 jul 2024 . Actualizado a las 21:01 h.

O mundo da interpretación, e con el toda a cultura galega, vén de recibir un duro golpe. Un golpe difícil de encaixar, e por completo inesperado. O actor naronés Xabier Deive, un dos artistas máis populares e máis queridos deste tempo no que nos tocou vivir, faleceu aos 54 anos de idade. E con el, coa súa tan prematura morte, vaise un intérprete que conseguiu un dos maiores milagres que existen no mundo da arte: seguir sempre un camiño polo que ningún máis transitaba, non parecerse a ningún outro.

Estas son horas tristes para a cultura galega. Pero Deive, e os personaxes aos que lles deu vida, formarán parte, para sempre, das vidas de cantos o viron actuar no cinema, no teatro e na televisión. E iso (quen pode dubidalo...?) é habitar, tamén, a eternidade.

«Estamos destrozados...!»

«Estamos todos destrozados...!», di o tamén actor Xosé Bonome, un dos amigos máis queridos de Xabier Deive. «Acabo de enterarme do seu falecemento hai un par de horas —relata Bonome—, e síntome roto. Eramos amigos desde hai moitísimos anos, a miúdo pasabamos o Nadal xuntos, e para min, e para todos nós, para os seus amigos —engade Bonome—, isto é un pau tremendo».

«Como persoa —lembra Bonome— era excepcional, era alguén fóra do común. Sempre estaba aí para calquera cousa que necesitases. Telo como amigo era poder contar con el en calquera circunstancia, fronte a calquera dificultade. Sempre estaba aí. Cando pensabas que xa non podías máis —explica—, el sempre che daba a forza necesaria para seguir adiante».

«Chegara ao máis alto»

No que atinxe á súa traxectoria profesional, ao labor de Xabier Deive como intérprete, o seu amigo Xosé Bonome subliña que era un «actor que seguía medrando profesionalmente e que, a pesar de que xa chegara ao máis alto, estaba convencido de que non se podía baixar a garda e de que cando un interpreta un personaxe ten que querer facer as cousas moi ben».

Deive, que se iniciou no mundo da escena na Escola de Teatro de Narón, traballou en series de televisión como El ministerio del tiempo, A vida por diante, Pratos combinados e Mareas vivas, Serramoura, Aguila roja e Matalobos. Formou parte de compañías teatrais como Uvegá Teatro, Teatro Maltés, Ollomoltranvía e Caroza Teatro. E no mundo do cinema participou en películas como Palmeras en la nieve, Las altas presiones, As Neves, O menor dos males, Jalisco e En teoría, ademais de en numerosas curtametraxes, como Mártires.

«Amaba o traballo ben feito»

Luciano Fernández, home sempre vencellado, desde o Padroado da Cultura de Narón, ao mundo do teatro galego, confesa que este «é un trance moi duro para cantos lle queriamos a Xabier Deive, unha persoa realmente xenerosa —explica— que amaba o traballo ben feito, pero que xamais buscou a fama nin a proxección persoal, porque o que el realmente quería era perseguir a perfección á hora de interpretar e colaborar cos demais en todo canto se lle pedise».

O actor Xabier Deive na serie «A Lei de Santos» producida por Voz Audiovisual.
O actor Xabier Deive na serie «A Lei de Santos» producida por Voz Audiovisual. .

«Foise como a estrela do rock and roll que era»

A morte de Xabier Deive causou onte un gran pesar e sorpresa no mundo do cine e a televisión, no que el desenvolvía a súa actividade. A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) fixo público un comunicado pola tarde nada máis saberse o seu falecemento. «O seu traballo no teatro e mais no audiovisual, eidos nos que legou mostras incontestables do seu talento artístico, deixa testemuño dunha forma de entender, exercer e vivir o noso oficio que a AAAG quere recoñecer como exemplo para todos e todas. A AAAG agradece, ademais, o labor que Deive desenvolveu no seo desta asociación sindical, da que foi presidente entre o 2019 e o 2021, ademais de ter participado en diversas xuntas directivas. Este traballo desinteresado na AAAG amosaba o seu compromiso coa profesión».

Especialmente emotiva foi a directora Sonia Méndez, que tiña una intensa relación profesional con el. «Tiven a sorte de cruzarme varias veces no seu camiño —escribiu na súa conta de Instagram—. Foi o primeiro actor que dirixín en Perversa Lola e tamén fun a última directora coa que traballou en As Neves. Currei con el en Os Atlánticos e foron moitas as risas. Polos meus 30 anos regaloume unha boneca de La Novia Cadáver que move a cabeza coa luz solar. Dende aquela segue movendo a cabeza cando sae o sol. E así, sen deixar de mover a cabeza cando sae o sol querería Xabier que seguísemos vivindo. Foise un dos bos».

O representante de Deive, Alejandro Albaiceta, tamén deixou unhas palabras sobre o actor: «Foise coma a estrela do rock and roll que era: discretamente. Moi poucos sabiamos que era unha estrela do rock. Ese era o seu estilo: non facer máis ruído do estritamente necesario. Deixar que o seu traballo e as súas personaxes, falaran por el. É inxusto, inesperado e moi doloroso polo inmenso baleiro que deixa. Teño o consolo de saber que viviu intensa e xenuinamente… e o de ter sido un dos privilexiados que o gozaron».

O actor Antonio Durán Morris referiuse a el como «un gran compañeiro un dos mellores con quen compartín escena e das persoas mais xenerosas que coñecin nas táboas e na vida». O director Xavier Villaverde cualificouno como «magnífica persoa e actor, cunha poderosa elegancia e carisma». Tamén mostrou o seu pesar o director Dani de La Torre quen plasmou a súa pena nas redes sociais: «Estoy en shock. No me lo puedo creer. Solo puedo darte las gracias por todos los momentos maravillosos que viví contigo, de vida y de cine. Ha sido una suerte y un privilegio conocerte y disfrutar contigo de aventuras únicas, como tú eras».