
Querían unha táboa de lavar, das que se empregan como instrumento musical na música cajún, por exemplo. Había que mercalas fóra, así que argallaron: «e se a facemos?». E puxéronse. Co compromiso de que os materiais tiñan que conseguilos nun perímetro de, non recordo ben, dous quilómetros da casa, poñamos por caso. O meu dito o meu feito: montaron un pequeno obradoiro nun armario, fixeron prototipos, investigaron como evitar os parafusos, como mellorar o son. Unha delas chamábase The Little Hell na honra do barrio de Eva en Ferrol, O inferniño.
Non é só unha marabillosa metáfora. É unha declaración de intencións: se non me gusta o mundo cámbioo na medida que podo, dende a raíz e o compromiso co que me rodea. Sácolle a roña cunha táboa de lavar e fágoo coa música como arma de instrución masiva. Xabier cría que a arte non é inocua. Que inflúe inevitablemente en quen a goza ou padece, en quen a procura ou evita. Defendíao dende esa actitude, que eu xa asocio cos ártabros, de «todos temos dereito a un cacho de mundo, e eu tomo posesión deste no que estou».
Defendía a liberdade en cada cuarta de vida, preservando a intimidade, non pagando peaxes inútiles, e defendendo o que lle importaba dende a opinión instruída. Íntegro, leal, honesto, xeneroso, canalla doce, divertido, titán, tenro con pátina macarra, compañeiro imprescindible que facía do traballo o mellor patio de recreo, amigo sempre..... esquecemento, nunca.
Luis Iglesia B. é actor e músico, compañeiro de escenario e amigo de Xabier Deive.