A primeira edición arranca hoxe e estenderase ata o mes de outubro
26 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Ruir será o tema central na primeira edición do Festival Internacional de Poesía do Porto, que comeza hoxe. Todas as obras deberán incorporar esta palabra, un desafío especial para os poetas do país convidado, Galicia, cuxa lingua carece dese termo. «Non é no sentido de ruína, senón de transformación e renovación», explica Francisco Reis, propietario da libraría Poetria, que organiza o certame.
A ruptura e a transformación son parte da mentalidade coa que aranca esta iniciativa literaria, na que os debates e as expresións das novas formas de poesía ocuparán unha parte central. Porén, o festival tamén olla cara ao pasado e cara ao norte: «Só podíamos comezar con Galicia, porque temos unha historia, unha cultura e unha lingua moi propias e comúns, cun diálogo que xa ten séculos e que se renova en cada encontro», di Reis. «A música, a danza, a gastronomía e as festas populares revelan unha identidade compartida, enriquecida polas particularidades de cada rexión. Que a poesía sexa o fío condutor que nos une, unha aperta fraterna que transcenda fronteiras e nos lembre que somos un só pobo», recolle a web da organización.
Para a programación, o galego Fernando Macías, editor de Positivas Edicións, exerceu de ponte cultural sobre o río Miño. «Mantivemos un estreito contacto e escoitamos as súas recomendacións, moitos deses nomes participarán no festival», asegura Reis. A cita comeza con forza, coa poetisa ourensá Chus Pato charlando coa portuguesa Inês Lourenço; moderará o tamén poeta local José Manuel Teixeira da Silva. Mañá terá lugar o espectáculo Camiño do meu contento, de man do grupo artístico Sinais de Cena, e xa o domingo un obradoiro infantil de escrita creativa e unha conversa entre o galego Ismael Ramos e os portugueses Tiago Alves e Marta Bernardes, que discutirán o poder da poesía para ruir o vello e erixir o novo en distintos eidos sociais, políticos e artísticos.
É un bo resumo de como se desenvolverán as vindeiras citas ata outubro. As actividades estrutúranse en conversas sobre poesía, obradoiros e andainas poéticas por museos, rúas e prazas. Alén de Pato, entre a representación galega destacan nomes como Xosé María Álvarez Cáccamo, Esther F. Carrodeguas, Ismael Ramos, Marga Tojo, Olga Novo, Rosalía Fernández Rial e Samuel L. París. Pola banda lusa, estarán Ana Rocha, Emanuel Madalena, Fernando António Machado, Francisca Vamelo, Rosa Alice Branco e Pedro de Queirós, entre outros. En conxunto, unha mestura de nomes consagrados e outros novos, co albo de que a poesía atinxa un público máis amplo.
«A organización non foi sinxela, porque só temos o apoio de empresas que nos axudan coa loxística e o do Museo Solares dos Reis, que acolle a meirande parte dos eventos», explica Reis, que agardan que a Xunta de Galicia financie un libro no que se recollan as conversas e poemas recitados nestas catro fins de semana.
O festival espállase por distintas localizacións da cidade, pero a maioría de encontros acontecerán no citado museo. Serán gratuítos e só será preciso inscribirse por anticipado mediante correo electrónico. A intención é «marcar un camiño de futuro, cunha ponte de fluxo continuo entre a cultura galega e portuguesa, que son as dúas caras da mesma moeda. Tiñamos unha ambición maior e queriamos convidar outros representantes da cultura, como por exemplo chefs, pero non foi posíbel. Confiamos que esta edición amose a nosa forza para medrar no futuro», di Reis.