Pedro Lamas interpreta «Music of Spanish Galicia» de J. B. Trend mañá en Tui
05 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Corría o ano 1924 cando o británico John B. Trend publicaba un estudo sobre a música galega. No texto incluíase notación musical, melodías medievais profanas e relixiosas e referencias aos códices medievais. Durante a súa estancia en Galicia, visitara, entre outros sitios, Valença do Minho e Tui, lugar do que quedou marabillado pola súa catedral. Dende a organización do Festival Música no Claustro —celebrado no claustro da catedral de Tui— quixeron homenaxear a figura de Trend como divulgador musical no estranxeiro aproveitando o centenario da súa publicación.
O director creativo do festival, Samuel Diz, considera que este proxecto xunta os seus valores fundamentais: «difundir o patrimonio musical e histórico galego desde a creación». Para levalo a cabo, contactaron co compositor, gaiteiro e saxofonista Pedro Lamas (Cambre, 1978).
A proposta do festival en colaboración con Pedro Lamas non se reduce ao concerto do 6 de agosto ás 21 horas. É a última etapa dunha investigación que se iniciou hai un ano, cando a organización do festival contactou con Lamas para realizar un intercambio coa Universidade de Glasgow. Nesta dobre vía de circulación do coñecemento, Lamas parecía a persoa idónea para estudar a Trend «polo seu coñecemento da música tradicional».
No momento que lle fixeron a proposta, Pedro Lamas oíra falar de Trend, non tiña noticias do artigo, o que foi «unha sorpresa moi apropiada», porque tocaba moitos temas presentes na súa traxectoria. Lamas non actuará só, senón que o fará acompañado do contrabaixo Antonio Romero Cienfuegos e o zanfonista Germán Díaz.
Non é a primeira vez que actúan xuntos. Para Díaz e Cienfuegos só ten boas palabras: «Son profesionais dunha grandísima calidade persoal e artística». Ademais, agradécelles a confianza que depositaron nel desde o principio do proxecto.
O saxofonista cambrés afirma que gozou moito de todo o proceso de investigación e inmersión no texto de Trend. A selección que o estudoso británico fixo hai cen anos deulle moitas pistas a Lamas para «revisitar o seu traballo».
Lamas tamén pon en valor o adianto que supuxo a investigación de Trend, por «poñer en relación a música popular coa culta» ou «establecer relacións entre a música árabe e o repertorio hispánico». Este discurso innovador, a ollos de Lamas, foi sepultado polo discurso musical castizo da ditadura franquista.
Anos de esquecemento
O texto de Trend pasou desapercibido por varias xeracións do público galego. De feito, goza de máis recoñecemento internacional, ao ser publicado no seu momento na revista Music & Letters da Universidade de Oxford. Durante a súa estancia en Galicia, Trend falou co gaiteiro Perfecto Feijóo ou o cabido Santiago Tafall, «o que lle serviu para empaparse de referencias», como apunta Lamas.
Aínda sendo descoñecido en Galicia, o intelectual galeguista Xohán Vicente Viqueira chegou a ler o estudo de Trend. Aínda que faleceu poucos meses despois —no mesmo 1924—, puido traducir o texto ao castelán. O texto traducido non se publicou ata dúas décadas despois. Para Lamas, é unha forma de homenaxear a Vicente Viqueira «personaxe relevante e erudito musical esquecido pola historia».
Cara ao futuro, Lamas móstrase ilusionado por darlle percorrido á súa investigación e que sexa «o principio dalgún novo proxecto»