En novembro do ano pasado, Vigo foi escenario dun acto literario que Clío, se non estaba somellenta, tería que inscribir con letras de ouro nas follas da Historia. César Cunqueiro (Mondoñedo, 1941) presentaba un volume titulado, sinxelamente, Poemas (Medulia, 2023), no que recollía catro libros éditos e un inédito, Desde el fondo del mar, escrito nos dous últimos anos. Pero no histórico acto, antes da voz do poeta, unha profesora —para moitos inédita— sorprendeu e engaiolou cunha lección inesquecible sobre o pentateuco poético que presentaba: a sabia xermanista Helena Cortés (Salamanca, 1962), profesora na Universidade de Vigo, membro de número da Academia Alemá de Lingua e Literatura (Berlín).
Descubrín mea culpa a César Cunqueiro como poeta, como autor de textos nos que a Poesía, con maiúscula aristotélica, está presente en todos os versos. Ten noticia a crítica española dunha voz poética tan clásica, tan sabia na meditación, tan sen concesións aos lectores superficialmente comprometidos coa causa da Poesía? Existe, no mapa literario de España, un libro de poesía da entidade e orixinalidade de Desde el fondo del mar, corenta páxinas de poesía que lerían, meditabundos e confortados, Quevedo, Lezama Lima, Borges, Luis Cernuda e José Ángel Valente?
O primeiro poema, Beatriz pasa, é antolóxico, e debería ser obrigatorio nas aulas de Italia cando os profesores falan de Beatriz, aquela nena ou mociña que engaiolou a Dante e pola que escribiu, sen tratala, a Divina comedia. Poñan vostedes en toscano só estes versos: «No hay días en el siglo, ni en los días / horas en las que Beatriz no pase. / Beatriz pasa siempre, siempre cerca, / hace ochocientos años de su paso / por Florencia, suceso de inmortal recuerdo. Pero ha pasado antes y después, pasa y seguirá pasando / [...] Beatriz es un enigma... / [...] Y con todo no habrá duda ninguna / si pasa Beatriz y al pasar mira».
Volveremos sobre este libro de talante clásico con páxinas que son unha meditatio mortis moi orixinal e no que aparecen, aquí e alí, medidas efusións líricas cando o poeta evoca a Elvira, súa nai.