O cómic «Heartstopper» xa se pode desfrutar en galego

Gracia Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Os actores Joe Locke (Charlie) e Kit Connor (Nick) protagonizan a serie televisiva que adapta «Heartstopper».
Os actores Joe Locke (Charlie) e Kit Connor (Nick) protagonizan a serie televisiva que adapta «Heartstopper». Netflix

O selo Xerais publica o xoves 5 de setembro a primeira entrega do ciclo «best-seller» da literatura xuvenil obra de Alice Oseman na tradución de Nee Barros

03 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A relación entre Charlie e Nick que cativou a lectorado en todo o mundo poderase desfrutar en galego de seguido: o próximo xoves 5 de setembro chega ás librarías a primeira entrega da serie Heartstopper. Obra de Alice Oseman, o título Rapaz coñece rapaz vén da man do selo vigués Xerais nunha tradución de Nee Barros (Ourense, 2002), escritor, poeta, ensaísta, activista cultural e LGBTIQA+. A editorial ten previsto lanzar tamén os seguintes títulos do ciclo ao longo dos próximos meses. Deste xeito, Heartstopper 2. A miña persoa favorita estará á venda a partir do vindeiro novembro.

Para Fran Alonso, director de Xerais, a tradución de Heartstopper é «un fito importante na edición galega dirixida ao público adolescente; nese sentido Xerais está a facer un enorme esforzo para poñer a disposición do lectorado os cinco títulos de Heartstopper no prazo dun ano», avanza.

«A tradución de Heartstopper ao galego supón cumprir unha débeda de historias diversas, de que o colectivo LGBTIQA+ teñamos referentes na nosa lingua en historias para todas as idades. Especialmente referentes creados por persoas do propio colectivo, porque nós tamén merecemos ter voz e axencia», subliña o tradutor. Deste xeito, Barros destaca a traxectoria de autoras galegas que poñen o colectivo LGBTIQA+ no centro das súas obras, como Eva Mejuto ou María Reimóndez, e indica que é preciso ampliar as voces: «Un cómic de referencia como Heartstopper tiña que estar na nosa lingua xa».

 

Detalle da ilustración da portada da edición galega de «Rapaz coñece rapaz», a primeira entrega de «Heartstopper».
Detalle da ilustración da portada da edición galega de «Rapaz coñece rapaz», a primeira entrega de «Heartstopper». Xerais

«Nesta primeira entrega da serie, que conta xa con cinco volumes publicados en inglés (tamén hai edición en castelán), Charlie e Nick, os protagonistas da historia que están no mesmo instituto, comezan a coñecerse. Axiña se fan amigos, e Charlie comeza a namorar de Nick, aínda que pensa que non ten ningunha oportunidade. Mais o amor funciona de xeitos sorprendentes, e Nick está máis interesado en Charlie do que calquera deles pensa», resume o editor.

Nee Barros é contundente: «Queres ler un cómic, ou levas tempo sen ler e queres recuperar o hábito? Heartstopper é o libro axeitado, e tes unha serie televisiva baseada nos libros. Queres unha historia sen traxedia, mais que continúa a falar de temas importantes? Heartstopper é o que buscas. Estás canso de que, cando hai personaxes lésbicas, gays, bis, trans, asexuais..., sempre morran ou acaben mal? Le Heartstopper. Todes merecemos sentir o agarimo da escrita de Alice Oseman».

Un dos principais valores da serie de novelas gráficas de Alice Oseman é que presenta unha historia LGBTIQA+ sen traxedia. «Mostran que é posíbel e está ben ser diferente, querer e ser querido. Que podemos contar historias sobre o colectivo LGBTIQA+ e a adolescencia que non estean marcadas sempre pola violencia e o tráxico. Que na diversidade tamén hai fogar, agarimo e historias de adolescentes como outras calquera!», incide o tradutor. O propio Barros declárase fan do traballo de Oseman. «Poder facer que estas personaxes que me acompañaron tanto falen agora galego é unha honra. Tamén unha responsabilidade moi grande, e dá moita vertixe; mais por sorte neste traballo tiven o asesoramento de Éric Dopazo e o acompañamento de Xerais, que se aseguraron de que a tradución tivese a calidade necesaria», conta.

Barros define Heartstopper como «un cómic rápido e entretido sobre a adolescencia, o amor, a saúde mental, a amizade... cunha historia que te abraza e non te solta ata que o acabas. Ademais, está a influenciar o xeito en que a ficción queer e as historias accesíbeis para público xuvenil son contadas».