Carabela portuguesa, na praia de Razo, en Carballo.
Carabela portuguesa, na praia de Razo, en Carballo. Basilio Bello

03 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende hai días levo visto, lido e escoitado noticias en diferentes medios de comunicación galegos que alertan da chegada ás nosas praias dunha especie de medusas coñecidas como carabelas portuguesas. Alén da importancia da propia noticia, chámame a atención o nome que se lle deu a estes sifonóforos pouco amigables polos efectos que pode provocar en nós un posíbel contacto con elas. Ao falar de carabelas sempre me ven á cabeza a travesía oceánica de a Niña e a Pinta que xunto á nao capitana Santa María (a Galega), comandada polo almirante Colón, chegaron a América. A etimoloxía de carabela lévanos á palabra grega karabos, que orixinalmente significaba escaravello e que posteriormente pasou a empregarse para designar un tipo de embarcacións pequenas semellantes no seu casco ao corpo destes insectos.

As carabelas parece ser que foron un tipo de barcos deseñados no século XV por portugueses e galegos para a navegación no Atlántico e que pola súa doada manobravilidade e emprego fixéronse moi populares. O asunto é que o significado de carabela (que co seu sufixo —ela hai quen a relaciona co galego portugués) ten outras acepcións como a de cesto con tapa no que adoitan levarse provisións para unha viaxe, romaría, etcétera ou mesmo a propia comida que vai no cesto. Tamén é o nome da temida Physalia physalis da que hoxe escribo, unha especie de medusa cuxa área de distribución está situada nas augas temperadas do Atlántico (de aí lle vén o nome porque o único mar dos portugueses era o Océano) onde se alimenta de pequenos crustáceos e larvas de peixes. Estes animaliños posúen unha parte flotante moi rechamante dunha intensa cor azul morada e os seus tentáculos somerxidos poden chegar a medir varios metros de lonxitude. O contacto ou roce con elas pode ser moi molesto e causar diferentes sintomatoloxías. Non é habitual que cheguen ás nosas costas mais de vez en cando aparecen.

Hai tempo que as teño visto esporadicamente en praias próximas á miña casa, e incluso fotografado cando aínda descoñecía o que eran. Estes días volveron e na súa singradura oceánica deixáronse ver de novo por aquí, e, malia a súa vistosidade, debemos ter moito tino con elas.