Non sei porque lembrei hoxe un concerto con Luar Na Lubre en Fed (Marrocos) de hai un par de anos. Estabamos a piques de rematar cando parte do público comezou a entoar un canto do que non entendiamos moi ben o sentido. Tratábase dun xeito de agradecer a nosa presenza e a empatía coa súa cultura, asemade estaban desfrutando dunha música que dalgún xeito tiña certas semellanzas coa súa. Despois soubemos tamén que era un canto tradicional bérber e que parte do público asistente pertencía a esa cultura. Logo do concerto tiven varios contactos moi significativos para min. No noso repertorio temos cancións medievais de marcada connotación relixiosa como as cantigas de Santa María do rei Alfonso X ou mesmamente algunhas cantigas tradicionais que por veces levan ese tipo de contido. A primeira daquelas conversas, moi respectuosa e cordial, foi arredor desas cantigas e de certos paralelismos con algunhas súas.
Sabía da importancia da súa lírica medieval e era consciente de que estaba nun lugar diferente onde a cultura e sobre todo a relixiosidade teñen unha medición algo distinta á que podemos ter nós. Todo estivo perfecto e esa primeira conversa foi cordial e pedagóxica. A segunda daquelas pequenas conversas foi cun home e cunha muller que dicían que eran bérberes e na súa presentación dixéronme: «Nós somos coma vós», somos a mesma xente e temos culturas moi parecidas. A verdade é que sen saber moito do tema, si coñecía a singularidade bérber do norte de África pero para min foi moi curiosa a súa presentación. Amigos arqueólogos téñenme falado desa cuestión e incluso teño lido algo ao respecto desa gran variedade de pobos que se estenden por todo o Magreb, mais nunca pensei ter unha conversa deste tipo con eles. Como afeccionado á simboloxía, nas veces que estiven en Marrocos cheguei a ver detalles xeométricos que dicían de orixe bérber moi semellantes ou iguais aos nosos.
Tamén lembrei o mapa xenético realizado por investigadores da USC e de Oxford que indica que a pegada máis importante do norte de África debida a diferentes movementos de poboación, portámola os galegos e que ten relación directa con migracións principalmente bérberes.