Colleita de kiwis, nunha imaxe de arquivo.
Colleita de kiwis, nunha imaxe de arquivo. Martina Miser

21 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Na miña casa, a froita sempre foi fundamental na alimentación. No día a día cómese absolutamente de todo, e a froita natural é parte esencial do menú. Mazás, peras, cereixas, figos, laranxas, pexegos, amoras, arandos ou castañas eran froitas familiares dependendo da época. Criáronme así e dende ben noviño son comedor de froita. Ao principio foi simplemente un hábito inculcado na casa; posteriormente, xa con plena consciencia pola importancia nutricional nunha dieta equilibrada e saudable; e, por suposto, polo gusto que teño dela. O máis normal era consumir a de proximidade e de tempada, eran as que tiñamos ao redor e as que chegaban das aldeas, que quizais de aspecto non eran as máis apetecibles, pero que de sabor e salubridade, sen dúbida, eran as mellores. En Galicia temos un auténtico paraíso onde a natureza é capaz de dalo case que todo, e aí é onde comezan a incorporarse aos nosos cultivos certas novidades froiteiras que encaixan ben e gustan.

Lémbrome da chegada dos kiwis, que, á parte de ser un saboroso e bo alimento, tamén se fixeron moi populares como todos ben sabemos. O dito xa habitual de «queres kiwis?» ten unha significación de familiaridade e valor. Alén dos kiwis, están tamén os familiares aguacates, que xa están ben incorporados nos menús de tantas persoas e que cada vez resulta máis doado ver nos nosos campos. Tamén a produción dos froitos vermellos, tan ricos en antioxidantes, medra día a día no noso país. Todo formidábel, e, mentres non sexa nocivo para o medio e sexa do gusto proveitoso da xente, sempre será ben recibido. Pero de toda esta diversidade estou fascinado en particular cun deses froitos foráneos, procede de América do Sur e paréceme unha auténtica delicia. Estou a falar do physalis ou fisalis, que, con orixe principal en Perú, Ecuador e Bolivia, se está a converter nunha planta presente en moitos lugares de Galicia, xa que o noso clima temperado é idóneo para ela. Onde vivo comezaron a aparecer regularmente, e, sen saber de que se trataba, eu cortábaas coma se fosen malas herbas. Un día alguén me explicou o que eran, e probei os froitos marabillándome co seu sabor.

Agora procuro ser coidadoso con elas e desfrutar do incomparábel sabor. Vivan as froitas!