Cada área xeográfica do planeta ten unhas características climatolóxicas, culturais, políticas e ata xeográficas que determinan o uso dunha o outra vestimenta. Non é o mesmo vivir nos países nórdicos que facelo en Sudáfrica e no marco do máis preto tampouco é o mesmo vivir en Galicia que en Andalucía, por poñer uns exemplos doados de comprender. É importante destacar e valorar as similitudes e o coincidente, mais igual de significativo é resaltar as particularidades de cada sitio, e o xeito de vestir é unha delas. Na actualidade, e no relacionado coa vestimenta, hai unha unificación bastante estendida mundialmente, pero cada cultura, nas súas tradicións, aínda conserva valiosas especificidades que a distinguen e definen. Nese xeito específico hai unha prenda que é clave e de primordial importancia, que é o calzado.
Poder camiñar con comodidade adaptándonos ao territorio e ao clima é primordial para mellorar a calidade de vida. Cada lugar do planeta ten os seus propios calzados específicos adaptados ás súas condicións e peculiaridades.
Só no estado español temos alpargatas, sandalias, albarcas, madreñas, galochas, zocas ou zocos como algúns dos máis significativos e tradicionais. En Galicia os zocas e os zocos son os que definen con claridade estas prendas dende o punto de vista máis tradicional. As zocas son un calzado rústico feito dunha soa peza de madeira cuns tacos que o elevan do chan para evitar a humidade nos pés; normalmente cálzanse con escarpíns ou zapatillas no seu interior.
Nas súas diferentes variantes pode ser chamada tamén galocha, madroña ou zamanco. Os zocos, chancas ou chancos son o outro calzado tradicional moi popular e un pouco máis evolucionado no que se combina unha sola de madeira sobre a que se ergue unha empeña de coiro que cobre e protexe o nocello. Lembro aos meus avós con este calzado habitualmente e incluso eu na miña adolescencia calzaba zocos cos que ía ao instituto en inverno na Coruña. A min resúltanme moi cómodos e din que son moi saudábeis para os pés. Afortunadamente nos últimos tempos e grazas a grandes artesáns podemos dicir que están de novo en circulación e polo tanto sen perigo de entrar en desuso.