Falece aos 92 anos a pandeireteira Josefa de Bastavales

CULTURA

CEDIDA

Cando tiña 70 anos, esta informante e cantareira acompañou de xira a Manu Chao

02 oct 2024 . Actualizado a las 22:34 h.

A cantareira que acompañou por diversos torreiros de Francia e España a Manu Chao cando xa cumprira os 70, Josefa Juncal Barreiro, morreu en Bastavales (Brión) aos 92 anos deixando orfos a toda unha xeración que quixo ver nela a figura que soubo mesturar o máis puro da tradición oral galega coas novas músicas e ritmos sen que houbese conflitos. Nada en Tordoia e coñecida como Josefa de Bastavales, esta informante como cantareira e pandereiteira deu o salto mediático co exlíder de Mano Negra. Ela mesma relataba que a canción do artista galego-francés Desaparecido saíra dunha conversa coa súa filla. Pero tamén inspirou a outros músicos como Xurxo Souto, expoñente da música bravú e quen sempre louvou o seu traballo autodidacta. «Finou a nosa mestra, a señora Xosefa de Bastavales. Grazas por tanto talento, por tanta alegría, por tanto amor!», expresou Souto ao coñecer o seu pasamento.

Foi labrega de profesión, pero no documental Arrieiros Somos, que Rubén Riós lle dedicou recoñecía que ante todo era «festeira» e incluso unha grande bailadora, polo que recibiu varios premios. Colaborou con Mercedes Peón, Cristina Pato, Susana Seivane e The Chieftains, e arrancábase coa pandeireta a calquera ocasión.

Con seis fillos, a súa neta Fátima Pego recoñecía que «representa a muller tradicional galega, pero a loitadora, a que sae adiante contra vento e marea, a que leva as costas unha familia grande e aínda así ten que seguir traballando, pero rompeu moitos moldes, porque foi unha muller que percorreu mundo cando aínda non estaba pensando para unha muller da súa idade, nese tempo, nunha aldea, foi como moi rompedora». «Para min é todo un referente musical e persoal», admitía.

«Para min é unha profesora de vida, unha mestra», explicaba o propio Manu Chao, durante o programa Alalá, dedicado a esta pandereiteira.

Josefa de Bastavales, nunha homenaxe que lle fixo Gentalha do Pichel en 2014
Josefa de Bastavales, nunha homenaxe que lle fixo Gentalha do Pichel en 2014 ESTRELA ALONSO

En 2014 organizáronlle unha homenaxe sorpresa na Gentalha do Pichel, en Santiago, na que participaron a pioneira do rap en galego Marisol Manfurada e As Gharotas da Ribeira. Alí contou que Manu Chao a tratara «como unha princesa» e que a relación xurdira de que se puxera «a cantar con el nunha festa e liámonos por Madrid, Barcelona, Francia...». Daquela, con 82 anos, recoñecía que xa non tiña as forzas para tocar coma antes. Tamén lembrou que lle debía a súa primeira pandeireta a uns turistas que lla prestaron para tocar e ver como atraía o pública déronlla con un «te la has ganado».

«Toco a pandeireta dende que era pequena, mais sen profesores nin nada. Só pola miña rutina. Sempre tiven unha atención para tocar e bailar», explicaba nunha entrevista na Voz na que relataba que a posibilidade que lle abriu ser coñecida e tocar ante tanta xente e que os novos non fixeran diferenzas con ela cumprira superara o seu soño, que era ir tocar a Bos Aires.

A súa historia de superación tamén foi o que inspirou o proxecto «Ferreñas e Rock and Roll», impulsado por Laura Romero e Iria Pedreira, e que foi merecedor do premio Luísa Villalta da Deputación da Coruña a proxectos de igualdade.