Falece Josefa de Bastavales, a cantareira que Manu Chao levou de xira internacional

D. Vázquez A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

Josefa de Bastavales, na homenaxe que lle tributou o colectivo A Gentalha do Pichel no 2014.
Josefa de Bastavales, na homenaxe que lle tributou o colectivo A Gentalha do Pichel no 2014. Estrela Alonso

A tamén pandeireteira foi referente para unha chea de artistas que viron nela a unión perfecta entre a tradición e os novos ritmos

03 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A cantareira que acompañou por diversos torreiros de Francia e España a Manu Chao cando xa cumprira os 70, Josefa Juncal Barreiro, morreu en Bastavales (Brión) aos 92 anos deixando orfa toda unha xeración que quixo ver nela a figura que soubo mesturar o máis puro da tradición oral galega cos novos ritmos e músicas sen que houbese conflito. Nada en Tordoia e coñecida como Josefa de Bastavales, esta informante como cantareira e pandeireteira deu o salto mediático co exlíder da banda Mano Negra. Ela mesma relataba que a canción do artista galegofrancés Desaparecido saíra dunha conversa coa súa filla. Pero tamén inspirou a outros músicos, como Xurxo Souto, expoñente da música bravú e quen sempre loou o seu traballo autodidacta. «Finou a nosa mestra, a señora Xosefa de Bastavales. Grazas por tanto talento, por tanta alegría, por tanto amor!», enxalzou Souto ao saber do seu pasamento.

Foi labrega de profesión, pero no documental Arrieiros somos, que Rubén Riós lle dedicou, recoñecía que ante todo era «festeira» e incluso unha gran bailadora, polo que recibiu varios premios. Colaborou con Mercedes Peón, Cristina Pato ou Susana Seivane, e arrancábase coa pandeireta en calquera ocasión.

«Muller galega e loitadora»

Con seis fillos, a súa neta Fátima Pego recoñecía que «representa a muller tradicional galega, pero a loitadora, a que sae adiante contra vento e marea, a que leva ás costas unha familia grande e, aínda así, ten que seguir traballando. Rompeu moitos moldes, porque foi unha muller que percorreu mundo cando aínda non estaba pensando para unha muller da súa idade; nese tempo, nunha aldea, foi como moi rompedora». «Para min é todo un referente musical e persoal», subliñaba.

«Para min é unha profesora de vida, unha mestra», explicaba o propio Manu Chao, durante o programa Alalá dedicado a esta pandeireteira. O colectivo santiagués A Gentalha do Pichel organizoulle no 2014 unha homenaxe sorpresa na que participaron a pioneira do rap en galego Marisol Manfurada e As Gharotas da Ribeira. Alí contou que Manu Chao a tratara «como unha princesa», e que a relación xurdira de que se puxera «a cantar con el nunha festa... E liámonos por Madrid, Barcelona, Francia».

Daquela, con 82 anos, recoñecía que xa non tiña as forzas para tocar coma antes. Tamén lembrou que lle debía a súa primeira pandeireta a uns turistas que lla prestaron para tocar e —ao ver como atraía o público— déronlla con un «te la has ganado». «Toco a pandeireta dende que era pequena, mais sen profesores nin nada. Só pola miña rutina. Sempre tiven unha atención para tocar e bailar», explicaba nunha entrevista en La Voz na que relataba que a posibilidade que lle abriu ser coñecida e tocar ante tanta xente e que os novos non fixesen diferenzas con ela cumprira e superara o seu soño, que era ir tocar a Bos Aires.

A súa historia de superación foi o que inspirou o proxecto Ferreñas e Rock and Roll, de Laura Romero e Iria Pedreira.