A mostra achega metraxe inédita de «O que arde» e outras obras fílmicas aínda en proceso de produción
05 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.
O cinema é a sétima arte, e a súa presenza en espazos museísticos é cada vez máis habitual. Demóstrao dende este venres e ata o 12 de xaneiro o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), que ofrece con Novos imaxinarios unha exposición coa que a institución recupera a súa ampla traxectoria de vinculación co cinema, permitíndolle ao visitante achegarse a unha aposta artística que o director do CGAC, Santiago Olmo, define como «un proxecto radical e innovador no que se traslada ao museo a necesidade de procurar outras formas de articular a mirada e a experiencia cinematográfica». A exposición, que precisou dunha montaxe técnica que foi un reto, igual que os acordos para a exposición de filmografía protexida por dereitos de emisión, dá cabida a autores como Isaki Lacuesta, Salomé Lamas, Oliver Laxe, Helena Girón & Samuel Delgado, Susana de Sousa, Laida Lertxundi, Lois Patiño e Albert Serra.
As súas propostas artísticas achéganlle ao público a parte máis persoal da obra de cada cineasta, con pantallas que nalgunhas salas son máis grandes cás dalgúns cines comerciais. No caso de películas como O que arde, de Oliver Laxe, o director achega a súa visión máis persoal da secuencia coa que comeza a película, unha corta de árbores na que as máquinas vencen a natureza. Rodada ao longo de catro días no Grove e en Viveiro, a secuencia inicial que Laxe tivo que defender ante os produtores dura escasos tres minutos dun total de doce, que poden verse nesta exposición. O mesmo Laxe, que participou na presentación da mostra, explicou o porqué desta secuencia e tamén a razón de que poida contemplarse no CGAC como a pensou inicialmente: «Ao comezo, a intención destas imaxes era moito máis visceral do que finalmente montei na película, e quedara con gañas de traballalas adaptándoas á miña idea primeira, que era máis política, coas máquinas como animais que comen as árbores. Buscaba propoñer ao espectador unha experiencia máis inmersiva e sensorial, que é o que todo cineasta desexa».
A exposición, comisariada por Nicolás Combarro e Miguel Ángel Delgado, permite recordar coa mirada cinematográfica de Isaki Lacuesta a tráxica noite do 15 de novembro do 2015, día do atentado na sala parisiense Bataclan, con 153 mortos nun atentado terrorista. A súa proposta, Une nuit, rodouse a partir de testemuños de sobreviventes e con persoas que traballaron na atención ás vítimas, que pararon a rodaxe nalgúns momento para detallar que pasara, segundo recoñeceu o director, que no 2022 presentou Un año, una noche, que aborda os momentos previos e posteriores ao atentado.
A relación entre o cinema, a arte e a historia máis recente tamén está presente na sala dedicada a Salomé Lamas, que en Fatamorgana sitúa unha muller no museo de cera de Beirut (Líbano) que interactúa con figuras históricas para analizar a realidade de Oriente Medio e se pregunta se algún día chegará a democracia. A diferenza de Laxe e Lacuesta, Susana de Sousa leva ao CGAC unha peza que forma parte dunha longametraxe na que está traballando e que trata a historia do colonialismo portugués en Angola cunha antiga hacienda con plantación de azucre como punto de partida e encontro.
Helena Girón & Samuel Delgado tamén expoñen no museo parte do seu traballo en curso, que sitúa nas illas Canarias o mítico xardín das Hespérides no que se cultiva a froita da inmortalidade que xa ninguén busca.
Patiño amosa igualmente un novo proxecto, Site-specific, a partir da súa última obra, Samsara, fusionando cor e paisaxe, mentres que Serra adapta a súa subversiva Liberté (2018) evocando un mundo de ambivalencia moral.