Os deberes pendentes do Consello da Cultura

M. B. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Na imaxe, detalle dunha exposición promovida polo Consello da Cultura Galega
Na imaxe, detalle dunha exposición promovida polo Consello da Cultura Galega ALBERTO LÓPEZ

O esmorecemento da lingua, o abandono do patrimonio ou as eivas dos museos e as bibliotecas, grandes retos aos que se enfronta o órgano consultivo da Xunta

06 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Órgano consultivo da Xunta con rango estatutario, creado en 1983, o Consello da Cultura (CCG) ten ante si grandes desafíos no que atinxe as súas competencias. Hai semanas, estivo no primeiro plano da actualidade polo informe desfavorable que fixo do proxecto fabril de Altri en Palas de Rei. Un traballo feito en base a afectación que a iniciativa podería ter no patrimonio, pero no que se analizaban cuestións económicas e industriais que ían alén dese ámbito. Conclusións que xeraron polémica política e que colocaron no centro do debate até que punto esta institución, que manexa ao ano máis de tres millóns de orzamento público, está a atender como debera o que son os grandes desafíos aos que se enfronta a cultura.

Lingua

Na súa historia, o CCG acumula case dous centenares de publicacións relacionadas coa lingua, que está a sufrir un proceso de esmorecemento. Teñen feito traballos sobre recursos e metodoloxías para aulas de galego (este, no 2024), sobre o valor económico, sobre lingua e patrimonio. O último que hai sobre situación do idioma é o de Prácticas e actitudes, do ano 2017. Hai ate dez publicacións sobre normalización, pero datan de hai dúas décadas, un ámbito no que, segundo sectores da cultura, debera incidir máis. É dicir, sobre a avaliación dos resultados e sobre o cumprimento dos obxectivos das políticas públicas. O Plan de Normalización Lingüística vén de cumprir vinte anos hai uns días. E aínda non se avaliou nada.

Museos e patrimonio

Outras das tarefas pendentes é asesorar á Xunta no que atinxe a situación dos museos e das bibliotecas de Galicia. Onde non hai feita unha diagnose. É o caso, por exemplo, do Museo Carlos Maside de Sada, que acumula un gran patrimonio artístico e se atopa nun estado de abandono. Outro tanto cabe dicir da preservación do patrimonio, como pode ser a Torre de Hércules, en A Coruña, onde non hai nin sequera baños para que os visitantes fagan as necesidades. Falta unha xestión ordenada na recepción dos visitantes, como ordenar un turismo sostible no patrimonio que non suscite rexeitamento social. Compostela, co que acontece no Obradoiro ou na praza da Quintana, é outro dos exemplos. Abondan os casos, como San Andrés de Teixido ou Santa Tegra.

Funcionamento interno

O CCG funciona cun sistema de nomeamentos por cooptación, un modelo que consiste en encher as vacantes que se producen no seo da institución mediante o voto dos integrantes dela. E neste órgano consultivo ten un peso enorme a Universidade de Santiago, moi por riba do resto, onde destacados investigadores aproveitan as publicacións do propio consello para facer currículo. É outra das críticas ás que se ten enfrontado o consello: por que un órgano consultivo da Xunta, que debe asesorar e orientar á Administración autonómica, ten que ter na celebración de congresos, conferencias e xornadas unha grande parte da súa actividade. Non é o caso, por exemplo, do Consello de Contas. Ás veces, o CCG funciona como se fose unha extensión da Universidade de Santiago. Neste sentido, segundo sosteñen algúns críticos coa traxectoria da institución, hai unha certa visión elitista da cultura, de corte académico, afastada da cultura popular que hai ao longo e ancho do territorio.

Coordinación institucional

Outro dos problemas que existe é o solapamento da actividade do CCG co funcionamento doutras institucións, como pode ser a Real Academia Galega ou as academias das distintas ramas culturais, e incluso co que se está a facer noutras universidades. Falta, nese sentido, unha maior coordinación.