O latín faime rememorar sufrimentos escolares hoxe entrañables malia teren influído amargamente no seu momento, ao punto de facerme case desistir de seguir coa carreira. Suspendín latín en segundo ano da miña licenciatura de Filoloxía. Daquela consagraba eu a miña condición de estudante en Compostela a unha existencia noctívaga, na que Tácito e as Metamorfoses ovidianas se conciliaban pouco coa ofrenda dos meus dezanove anos a musas, digamos, máis mundanas. O verán subseguinte ao patinazo, e xa reposto do trauma, adiqueino a traducir De amicitia, de Cicerón, un sublime tratado de humanidade, que, entre outras cousas, evidencia o herdo incalculable de Roma a Occidente. O que comezou sendo unha obriga directamente imposta pola necesidade de render contas no exame de setembro, foi mudando paseniño nun labor feito, ao cabo, máis por pracer que por compromiso. No silencio nocturnal do estío e baixo a luz cirúrxica dun flexo, ía eu montando as pezas da sintaxe ciceroniana e adquirindo aos poucos a visión dunha paisaxe lúcida e coherente, cando penetraba o sentido final dun período que comezara cinco liñas máis arriba. Xa aprobada a materia, seguín durante meses traducindo, por puro gusto, outras obras e autores. Hoxe teño a absoluta certeza do moito que o meu pobre caletre debe á extraordinaria ximnasia mental que é o latín e ao acervo cultural que me proporcionaron os clásicos. Na imprescindible incitación ao pensamento complexo, o abandono de materias como o latín supón unha lamentable depauperación intelectual. Actualmente, cando transitamos diariamente por unha artillaría léxica que inclúe innovación, calidade, transferencia, excelencia ou produtividade, ata o punto de erosionárense alarmantemente os trazos máis nobres da universidade, un profesor que ensina a conxugación deponente pregúntase polo valor das súas ensinanzas en termos de innovación, transferencia ou produtividade. Sospeito que Quintiliano tería hoxe serias dificultades para postularse como catedrático de Lingüística. Aí ten vostede, mesmo, o exemplo de Deus: como vai acreditarse cun só libro publicado? Dá a vida que, cando menos, está traducido a varios idiomas.