O Culturgal aposta por Arzúa no seu segundo ano de modelo expansivo

Emma araújo SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

O Culturgal recalará esta fin de semana en Arzúa, na Capela da Madanela, onde foi presentado por José Luis García López, edil de cultura; Natividade González, responsable de cultura da Deputación da Coruña; Víctor López, presidente de Culturgal; e o alcalde, Xoán Xesús Carril.
O Culturgal recalará esta fin de semana en Arzúa, na Capela da Madanela, onde foi presentado por José Luis García López, edil de cultura; Natividade González, responsable de cultura da Deputación da Coruña; Víctor López, presidente de Culturgal; e o alcalde, Xoán Xesús Carril. Paco Rodríguez

A vila coruñesa acolle esta fin de semana dez propostas literarias e musicais

08 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A Feira das Culturas Galegas Culturgal —que hai un ano apostou pola modalidade expansiva levando nova programación a Vigo— mira desta vez á provincia da Coruña ao escoller Arzúa, un concello de 5.905 habitantes co que a feira amosa ou seu compromiso de fomentar a cultura non só en cidades e grandes concellos.

Así, a arzuá Capela da Madanela acollerá esta fin de semana unha oferta de contidos e accións gratuíta na que participarán Xurxo Souto, Lucía Aldao, Magín Blanco, Su Garrido Pombo, Miguel Guido e Alberto Mancebo, entre outros. Mancebo abrirá o venres o Culturgal Expandido presentando o seu libro Indolente, publicado o 4 de setembro. O arzuán e tamén escritor Severino Fernández Abel fará o propio co seu traballo sobre a tradición oral recuperada. E Clopas e Su Garrido achegarán música e literatura á capela, con entrada de balde ata cubrir capacidade.

A segunda xornada do Culturgal Expandido, o sábado 12, terá programación xa de mañá, enfocada á literatura infantil coa presentación de Guido, con parte escénica incluída, do seu conto O lobo feliz. Magín Blanco daralle o relevo, neste caso con música, para divulgar o seu Caderno de cores e cancións. A media tarde, Francisco Xosé Fernández Naval presentará Ser cetáceo, escrito en primeira persoa para amosar «o fascinante inverno do animal de fondo», sobre o universo das baleas. Souto e Aldao completarán o programa coa conversa, a música e a literatura como protagonistas.

A presenza de Azúa na feira prolongarase máis alá desta fin de semana, xa que, de volta, na programación do Culturgal en Pontevedra, que este ano celebrarase os días 29 e 30 de novembro e o 1 de decembro, haberá aportacións deste municipio nas que a organización segue a traballar.

Por toda Galicia

«A nosa vocación é de país, por iso queremos levar a feira por toda Galicia», destacou o presidente de Culturgal, Víctor López, na mesma Capela da Madanela, no acto de presentación deste Culturgal Expandido, que financia a Deputación da Coruña e no que tamén colabora o Concello de Arzúa. López puxo en valor «os dous días de actividades variadas dos distintos ámbitos da cultura con espazos para os públicos infantil e adulto, expandindo o Culturgal como punto de unión dos creadores, as Administracións que nos apoian e o público». Pola súa parte, Natividade González, responsable provincial da área de cultura, incidiu na importancia «de que o Culturgal e todos os sectores que forman parte da cultura se acheguen ás nosas vilas; e Arzúa é un sitio inmellorable para comezar».

A opción de Arzúa para a estrea do Culturgal na Coruña foi moi ben recibida polo Concello. Tanto o alcalde, Xoán Xesús Carril, como José Luis García, concelleiro de cultura, recoñeceron o valor do festival. Mentres o rexedor amosou a súa satisfacción por lograr «espallar a cultura no concello» e invitou á veciñanza a gozar deste proxecto, o edil sinalou que a iniciativa supón «un recoñecemento á nosa aposta pola cultura durante todo o ano».

Se o Culturgal Expandido xa ten toda a programación pechada, esta Feira das Culturas Galegas presentará nos vindeiros días as actividades para Pontevedra, cidade na que este encontro do sector co público comezou no ano 2007 para fortalecer a acción cultural que se desenvolve en Galicia e enxalzar o seu valor como motor económico.