Homenaxe a Xosé de Arxeriz

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

CULTURA

11 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Chamar, chamábase Xosé Soto Rodríguez, nado no ano 1938 na aldea de Arxeriz, da parroquia de Fión, no concello do Saviñao (Lugo); faleceu en Madrid no ano 2023 e as súas cinzas descansan na aldea matria, onde, desde hai anos, existe un ecomuseo, insólito en Galicia, que é unha homenaxe ás raíces do fundador e un canto á causa ecoloxista. Diríxeo o profesor Antonio Quiroga, e teño noticias de que, na próxima primavera, se celebrará o primeiro festival de poesía ecolóxica galega, onde falarán en verso os carballos e os castiñeiros, supoño que ao son da gaita do país, e supóñoo porque ao vello instrumento da nosa música tradicional dedicoulle o homenaxeado bastantes anos: primeiro, no ballet de Luisillo e, logo, no de Rey de Viana. Estamos ante un cidadán da cultura de extraordinaria polifacecia: escritor en galego e en castelán, licenciado en Dereito, profesor, viaxeiro, políglota, politólogo, activista cultural, filántropo...

O sábado 5 foi homenaxeado no seu museo co gallo do seu primeiro cabodano, e alí disertaron Vicente Araguas e Manuel Pereira, que, asemade, presentaron o número 14 de OLGA. Revista de poesía galega en Madrid, número enteiramente dedicado a Xosé de Arxeriz. Eu, vello amigo, evoqueino como poeta en galego, como interesante memorialista, como autor dunha novela en galego na que conta a súa vida de confinado político en 1969 e, sobre todo, como autor dun libro que aínda agarda a atención e o recoñecemento dos historiadores e politólogos: Prontuario para orientación de opinantes (2020). É un volume de 750 páxinas no que Xosé de Arxeriz redacta, con criterio e claridade, voces como Stalin, Hitler, Espartaco, guerrilla urbana, Banquete de Conxo, Che Guevara, alienación, Benedetto Croce, lucha de clases, Santiago Álvarez, campo de concentración, Castelao... Foron escritas en 1970 para un Diccionario de terminología política que dirixía Enrique Tierno Galván na editorial Alfaguara que a censura non autorizou. Hai, no volume de Xosé de Arxeriz, un inxente saber en historia política contemporánea e un acerto á hora de sintetizar biografías, idearios e conceptos.