O Consello da Cultura Galega presenta unha serie documental sobre o teatro durante a Transición
CULTURA
En catro episodios, a obra recupera o impacto social e cultural das artes escénicas nos anos setenta e oitenta a través dos seus protagonistas
14 oct 2024 . Actualizado a las 16:05 h.O berce do teatro galego profesional estivo nos festivais, xornadas e o traballo das compañías que achegaban as artes escénicas á poboación nos anos setenta e os oitenta. Agora, décadas despois, unha serie documental producida polo Consello da Cultura Galega busca preservar estas achegas en Memoria do teatro galego na Transición.
A través de catro episodios, a serie narra na voz dos seus protagonistas e con documentos audiovisuais da época como era o teatro destas décadas, nas que se foi «construindo a identidade social e cultural da Galicia contemporánea», e recompila feitos e obras fundacionais do teatro profesional galego.
As pezas, segundo indica o Consello, duran entre 40 e 45 minutos e foron dirixidas por Tito Asorey, con Jairo Iglesias na edición audiovisual, baixo a coordinación da Sección de Música, Artes Escénicas e Audiovisuais.
Catro episodios
Os dous primeiros capítulos publicáronse en febreiro. No primeiro, recórdase o teatro galego da década dos setenta e o retorno a Galicia dos profesionais que traballaban desde Madrid no teatro independente español con Manuel Lourenzo xunto a Xúlio Lago, Xerome Calero, María Xosé Porteiro, Eduardo Alonso, Luisa Merelas, Manuel Amenedo, Laura Ponte, Luma Gómez, Antonio Simón ou Cándido Pazó.
No segundo episodio, a protagonista é a Mostra de Teatro Galego de Ribadavia, promovida pola Asociación Cultural Abrente, cuxos integrantes Luisa Escudero, José Luis Chao, Rosa Álvarez e Isolina Rionegro participan no capítulo. Entre os anos 1973 e 1980, esta mostra foi fundamental para vertebrar e crear un lugar de diálogo para todos os interesados no teatro. Profesionais como Manuel Lourenzo, Xosé Manuel Rabón, Euloxio R. Ruibal, María Costas, Manuel Amenedo, Manuel Guede, Mabel Rivera ou Antonio Durán Morris, entre outros tamén comparten as súas achegas nesta peza.
No terceiro, o relato céntrase no desenvolvemento de medidas de apoio institucional ás artes escénicas. O cuarto e último resérvase para o papel das mulleres no teatro galego, afastado dos primeiros postos de dirección e de toma de decisións nos seus inicios, coa participación de Mabel Rivera, María Barcala, Ánxela Abalo, María Costas, Casilda Alfaro, Rosa Álvarez, María Xosé Porteiro, Ánxeles Cuña ou Isabel Rey.
Este mesmo luns, unha xornada impartida por Carlos Biscainho, profesor, investigador e membro da Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do CCG, analiza o impacto social e cultural destas artes na sociedade galega. O acto, que se celebra en Santiago de Compostela desde as 16:30 horas, completarase cunha mesa-diálogo na que participarán algunhas das persoas involucradas na produción.
Rosario Álvarez, presidenta do CCG, acompañada por Cristina Domínguez Dapena, coordinadora da Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do CCG, e Inma António, presidenta da Academia Galega de Teatro, inauguran esta cita presencial que se pode seguir en directo na web e as redes da institución.