O Premio Otero Pedrayo recoñece o traballo da Coral de Ruada

La Voz OURENSE / LA VOZ

CULTURA

Concerto de Nadal da Coral de Ruada na catedral de Ourense.
Concerto de Nadal da Coral de Ruada na catedral de Ourense. Santi M. Amil

O xurado salientou a súa «defensa e difusión da cultura e da nosa lingua»

15 oct 2024 . Actualizado a las 13:26 h.

A Coral de Ruada é toda unha institución en Galicia. A ourensá forma parte dos coros históricos galegos e, dende o seu nacemento, en 1918, ten protagonizado iniciativas que lle teñen valido unha chea de distincións ao longo da súa traxectoria. Uns galardóns aos que suma agora o Premio Otero Pedrayo, un recoñecemento que conceden as deputacións galegas —co apoio da Xunta— dende 1977. A distinción ten carácter honorífico, e a organización da convocatoria rota anualmente polos organismos provinciais galegos.

O xurado reuniuse este luns en Ourense para decidir a concesión, e acordou outorgarlla á Coral de Ruada. Ademais de valorar a súa traxectoria e a súa historia, salientouse o feito de que «non se trata só dunha agrupación folclórica, senón que é unha institución galeguista e auspiciada pola xeración Nós, que tivo e ten un papel moi destacado na defensa e difusión da nosa cultura e da nosa lingua».

Virxilio, Lameiro e Nespereira

Dende os seus comezos, Ruada estivo moi vencellada aos movementos galeguistas e mantivo unha estreita relación coas figuras sobranceiras de Nós, como Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco ou Florentino López Cuevillas.

Foi fundada en 1918 polos ourensáns Fabriciano Iglesias, Xabier Prado Lameiro, Xulio Prieto Nespereira, Virxilio Fernández (pai do pintor do mesmo nome) e Cesáreo Eire. A súa presentación realizouse no ourensán salón Apolo (en 1919), e de 1920 data a primeira actuación en Madrid.

Cunha grande actividade e dinamismo durante as súas primeiras décadas, contou coa colaboración de Camilo Díaz Baliño para os decorados dalgunhas das súas obras, e moitas delas saíron do traballo do veterinario e escritor Xabier Prado Lameiro. A Coral de Ruada ten realizado xiras internacionais, a última hai uns meses por México. Dende o 2022 preside a xunta de goberno Fátima María Malingre Grande, e a formación está composta por corenta e dúas voces mixtas, dez instrumentistas —gaita, percusión, zanfona, piano e órgano— e dezaseis bailaríns. O seu director é Xosé Antón Vázquez Casas.

A coral conta coa Escola de Música Virxilio Fernández, o grupo de teatro Xabier Prado Lameiro e unha escola de baile que leva o mesmo nome que a formación. Organizan todos os anos un premio co nome de Lameiro, as xornadas LembradeNós, o Certame de Ruada, o Concerto dos Amigos e o de Nadal.

Ao longo da súa historia ten acadado distincións, como a concedida polo rei Afonso XIII —a gravata para a bandeira—, o Pedrón de Ouro, a Medalla de Galicia ou o Premio Trasalba, entre moitos outros.

O xurado que outorgou o premio estivo presidido por Anxo Lorenzo, en representación da Xunta; e actuou de vicepresidente o titular da Deputación de Ourense, Luis Menor. Deste formaron parte tamén representantes das deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo; da Consellería de Cultura; das universidades de Compostela e A Coruña; da Real Academia Galega; do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, e da Fundación Otero Pedrayo.