Rosalía, 70 anos no Porto, «no corazón poético e estremecido de todo Portugal»
CULTURA
A praza de Galicia da cidade portuense acolleu un encontro de sentida conmemoración da instalación en 1954 do monumento á autora de «Follas novas» realizado polo escultor Salvador Barata Feyo
15 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Volver á Praça de Galiza na cidade do Porto 70 anos despois para certificar a irmandade que confire a poesía de Rosalía de Castro. Esta conexión —que se ergue sobre os alicerces dunha historia, unha cultura e unha lingua compartidas— foi profusamente enxalzada onte polo rexedor municipal portuense, Rui Moreira, e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que encabezaron os actos de conmemoración do feliz aniversario da instalación no verán de 1954 do monumento na honra da autora de Follas novas (realizado polo escultor modernista Salvador Barata Feyo). Rueda gabou a importancia de Rosalía como unha das figuras «máis senlleiras da nosa cultura e da nosa lingua», ao tempo que lembrou que foi un símbolo de resistencia, dignidade e defensa dos pobos e as súas identidades. É por iso, dixo, que segue a erixirse como a grande «embaixadora universal da cultura galega».
No encontro impulsado pola fundación padronesa que vela polo legado da escritora, o seu presidente, Anxo Angueira, incidiu nesa mesma idea ao lembrar que, así como Luís de Camões é o rostro de Portugal no mundo, ou Cervantes o de España, Rosalía é, sen dúbida, quen representa os galegos, no alto e no baixo, como unha embaixadora universal. Agora ben, incidiu, que Rosalía estea na Praça da Galiza do Porto é «un signo de que tamén está no corazón poético e estremecido de todo Portugal».
Angueira profundou nese vínculo afouto e aventurou: «Poida que todos a sintamos como nosa, á nosa beira, porque fala dun mundo próximo, con penas e alegrías, soidades e esperanzas, que nos son familiares, porque sempre estivo á beira da patria humilde que todos levamos dentro. É Rosalía, como Amália Rodrigues, dese “povo que lavas no río”, o que canta co Zeca o “milho verde” e as “cantigas do maio”». Se Rosalía está en Portugal, tamén Portugal está en Rosalía, engadiu, para anotar: «Hai fíos das Rimas de Camões cos que Rosalía tece os seus Cantares. Pero sobre todo hai un poema de Rosalía a Camões ben elocuente: Dende as fartas orelas do Mondego. É o derradeiro poema en galego que dela coñecemos, e foi publicado aquí no Porto en 1880 para celebrar o tricentenario do cantor de Os Lusíadas».
Tras a ofrenda floral, houbo unha lectura de poemas a cargo de Chus Pato e Sofia Bodas de Carvalho. Logo, Rueda, Moreira e Angueira plantaron unha filla da figueira da horta da casa de Rosalía, declarada como árbore senlleira, nos xardíns do Palácio de Cristal. Naquel recinto, na capela de Carlos Alberto, unha actuación do cantor berciano Amancio Prada puxo o ramo ao encontro entre irmáns. Nesa atmosfera festiva, o alcalde Rui Moreira agradeceu entre risas o agasallo que lle entregou, tamén entre risas, Anxo Angueira: a emblemática camiseta de Rosalía deseñada polo colectivo Reizentolo.