Alerta lingüística

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

CULTURA

18 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Aprensa acaba de publicar os datos do Instituto Galego de Estatística sobre o uso da lingua galega, e este xornal, nun titular da súa primeira páxina, sintetizaba a cuestión con acerto: «A poboación de Galicia que fala sempre en castelán xa supera a que o fai en galego». Nesa páxina, tamén en letras maiúsculas, lemos que «A Xunta cre que nos datos inflúe a chegada da poboación de fóra», o que, sen dúbida, é certo, pero non explica a totalidade do problema. Hai, no mapa de Galicia, espazos, non poucos, onde é nula a poboación inmigrante, e o galego, na infancia e na mocidade, mingua, como acontecía en boa parte de Galicia hai anos, sen que o factor migratorio fose significativo.

O que nos leva, forzosamente, ao miolo do problema: a política lingüística, esa tarefa que os Gobernos galegos veñen deseñando e executando, en ocasións por persoas concretas que, como cidadáns, teñen un notable compromiso coa causa da lingua galega. O certo é que esas políticas non dan os froitos debidos. Pero os nosos políticos teñen un espello no que mirárense: o País Vasco, onde o PNV deseña e realiza programas lingüísticos que inflúen moi positivamente na asunción dun idioma, o éuscaro, que, en 1864, cando naceu Unamuno, ninguén falaba en Bilbao. Hoxe, sen que boten foguetes, a situación vai mudando e fálano, nesa cidade, nas escolas, nos institutos, pero tamén, vellos e novos, pola rúa, incluso fillos e netos de inmigrantes galegos. Porque, de entrada, o PNV, que non é un partido de esquerdas, ten un compromiso auténtico e fondo coa causa do seu vello idioma, vello e moi problemático, pois, por non ser, non é neolatino (como o galego e o castelán).

Así pois, desde o Goberno non só se trata de facer outras cousas, trátase de que os que as propoñan sexan percibidos pola sociedade como cidadáns e servidores públicos comprometidos a fondo coa causa do idioma galego no fogar, no traballo e nos ámbitos oficiais, desde o despacho dun subdirector xeral (de Industria, de Cultura ou de Pesca) ata as xuntanzas regulamentarias dos conselleiros. No País Vasco é así, e a xente de Euskadi sábeo ben.