Os Premios da Crítica distinguen a creatividade e a investigación en Galicia

Jorge Lamas Dono
Jorge Lamas VIGO / LA VOZ

CULTURA

Homenaxe ao pintor ourensán Antón Pulido. Baixo o lema de Luísa Villalta «Galiza, a voz que nos designa», a cerimonia de entrega dos Premios da Crítica de Galicia tivo lugar este sábado na sede de Afundación en Vigo. Na imaxe, fotografía de familia cos dez galardoados; no centro, de pé, a carón de Chus Pato, o homenaxeado pintor Antón Pulido (Amoeiro, Ourense, 1944).
Homenaxe ao pintor ourensán Antón Pulido. Baixo o lema de Luísa Villalta «Galiza, a voz que nos designa», a cerimonia de entrega dos Premios da Crítica de Galicia tivo lugar este sábado na sede de Afundación en Vigo. Na imaxe, fotografía de familia cos dez galardoados; no centro, de pé, a carón de Chus Pato, o homenaxeado pintor Antón Pulido (Amoeiro, Ourense, 1944). Óscar Vázquez

Chus Pato obtivo o galardón de literatura, e Jaione Camborda, o de cine

20 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Chus Pato, Clara Ruiz Ponte (pola investigación sobre o xene BMPR2), Nomes e Voces, Efervesciencia, a Orquestra Vigo 430, Almudena Fernández Fariña, a compañía Tanxarina, Jaione Camborda, a Feira do Queixo e do Pan de Ousá de Friol e o podcast Café Derby 21 foron os gañadores da 47.ª edición dos Premios da Crítica de Galicia nas súas dez diferentes modalidades. Os galardóns distinguen persoas e traballos de ámbitos da cultura, a sociedade e a investigación. Nunha cerimonia celebrada na sede de Afundación en Vigo, o acto volveuse unha homenaxe ao pintor Antón Pulido, que vén de cumprir 80 anos. O profesor Modesto Hermida asumiu a gabanza do artista ourensán, nun acto conducido por Mariana Fernández Carballal, ao que acudiron o conselleiro de Cultura, José López; o alcalde, Abel Caballero; e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

No campo da creación literaria, o premio foi para Chus Pato polo seu poemario Sonora. O xurado destacou a coherencia da autora «co devir da poesía galega».

Coincidindo co seu vinte aniversario, a Orquestra Vigo 430 recibiu a distinción na área musical. O fomento da paridade, o seu labor pedagóxico e a promoción de novos talentos foron os valores subliñados polo xurado.

A compañía Tanxarina é unha institución en Galicia na arte dos monicreques. A súa traxectoria, xa de 40 anos, levou o xurado a concederlle o premio ás artes escénicas, que recolleu o seu director e cofundador: Eduardo Rodríguez Cunha, Tatán.

A pintora viguesa Almudena Fernández Fariña resultou gañadora da estatuíña correspondente ás artes plásticas. Un dos méritos sinalados no fallo foi o proxecto expositivo que presentou o ano pasado en Compostela no CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea).

Os Premios da Crítica recoñeceron a transcendencia da película O corno para o cinema galego. A súa directora, Jaione Camborda, obtivo o premio dedicado ao cine e ás artes audiovisuais. O xurado considera que a película «marca un novo fito para o cinema galego, acompañado dunha acollida en salas pouco frecuente en filmes que desafían os estándares do cinema comercial».

Pola súa banda, o galardón da cultura gastronómica foi para a Feira do Queixo de Friol e Pan de Ousá pola importancia que supón para moitas das familias da súa contorna, e pola mestura de tradición e modernidade que ofrece.

O apartado de ciencias foi para un estudo sobre os riscos de cancro

O estudo BMPR2 como novo xene de predisposición á polipose colorrectal hereditaria foi distinguido co premio de investigación en ciencias e tecnoloxía. O xurado salientou deste traballo o descubrimento dun novo biomarcador que pode axudar a predicir o risco dun cancro hereditario de alta prevalencia en Galicia, «xuntando o esforzo de investigadores de distintos centros», nun estudo liderado por Clara Ruiz Ponte.

O premio de investigación en ciencias sociais e humanidades foi para o proxecto Nomes e Voces -coordinado polo catedrático da USC Lourenzo Fernández Prieto-, que estuda a represión da Guerra Civil e o franquismo en Galicia, e recompila unha copiosa información e ofrece abundantes datos relativos ás vítimas.

Tamén triunfou o programa de radio/podcast Efervesciencia, de Manuel Vicente, do que o fallo destaca o seu valor no eido da divulgación da ciencia en galego e con perspectiva galega.

Cada unha das modalidades dos premios -impulsados por Bieito Ledo- contou cun xurado especializado: en total foron setenta persoas. Dende comezos deste mes de outubro mantiveron diversas reunións para acadar as resolucións finais. Os distinguidos recibiron unha figura de Sargadelos, deseñada a propósito para estes galardóns.

Palmarés

Creación literaria

Chus Pato

Artes audiovisuais

Jaione Camborda

Ciencias sociais e humanidades

Nomes e Voces (Lourenzo F. Prieto)

Artes plásticas

Almudena Fernández Fariña

Iniciativas culturais e científicas

«Efervesciencia» (Manuel Vicente)

Música

Orquestra Vigo 430

Artes escénicas

Compañía Tanxarina (Tatán R. Cunha)

Cultura gastronómica

Feira do Queixo e do Pan de Ousá de Friol

Cultura dixital

Podcast Café Derby 21

Investigación en ciencia e tecnoloxía

Proxecto BMPR2 (Clara Ruiz Ponte)