A banda noiesa Carabela, froito da pandemia de covid, gaña o Premio Narf

Patricia Calveiro Iglesias
P. Calveiro SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Carabela -na imaxe, en plena actuación- gañou o Premio Narf. «Estamos emocionadísimos», dixeron ao recoller o galardón.
Carabela -na imaxe, en plena actuación- gañou o Premio Narf. «Estamos emocionadísimos», dixeron ao recoller o galardón. Xoán A. Soler

Na final en Santiago do certame de música galega lembrouse a Fran Pérez

20 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Fai 56 anos nacía en Silleda un neno chamado Francisco Javier Pérez Vázquez, quen pronto se trasladaría coa súa familia a Compostela. Alí deu os seus primeiros pasos na música un rapaz que acabaría facendo carreira nela. O benquerido Narf, un artista camaleónico que foi cultivando amigos polo camiño e que deixou ao seu paso un amplo legado para as vindeiras xeracións. Foi un dos fundadores da mítica Sala Nasa, un espazo multidisciplinar que revolucionou a escena cultural na capital galega. Foi tamén actor. Pero, sobre todo, destacou como cantante e compositor, transitando por todo tipo de estilos e xéneros. O 15 de novembro do 2016 falecía, tras loitar contra unha grave enfermidade. Non obstante, segue moi presente nos nosos días e foi rememorado este sábado con agarimo na final do concurso Fran Pérez Narf para grupos e artistas musicais.

No certame da Deputación da Coruña que leva o seu nome participaron este ano 34 formacións da música galega. Os tres finalistas (Carabela, Cintaadhesiva e o dúo formado por Gloria Pavía e Rafa Morales) xogáronse o Premio Narf nunha gala celebrada no auditorio Abanca de Santiago. Cada un deles tivo 15 minutos para convencer ao xurado, o cal concedeu o primeiro posto (dotado con 4.000 euros) á banda noiesa Carabela, que, nacida na pandemia do covid, deu o seu primeiro froito en forma de EP o ano pasado. O cuarteto presentou unha proposta na que conflúe o pop, a música tradicional e a electrónica cun resultado «delicado e sofisticado», tal e como destacou o xurado. O seu voceiro, o músico e divulgador cultural Noel Feáns, aclarou que houbo un empate técnico entre os primeiros e os segundos, polo que tiveron que votar de novo para o desempate. «Foi dificilísimo», constataba sobre a encomenda da deliberación Natividade González, deputada provincial de cultura e presidenta do xurado.

Os segundos clasificados foron Gloria Pavía e Rafa Morales, que engaiolaron ao público cunha voz doce e penetrante sostida sobre os arranxos dun baixo. Con esta fórmula, simple e minimalista, presentaron catro temas nos que fixeron unha pequena homenaxe ao amor, á cor vermella e a cidade de Santiago, «fonte de inspiración infinita, como tamén o é a música que nos deixou Narf», destacou a vocalista do dúo, que recibiu 2.000 euros. E o terceiro premio, de 1.500, recaeu en Cintaadhesiva, un proxecto multidisciplinar composto pola poeta Silvia Penas e Jesús Andrés Tejada.

A gala foi presentada polo xornalista Luís Pardo. E, a parte dos finalistas, tamén actuou o grupo folk De Ninghures, que animou coa súa boa enerxía o impasse preciso para a deliberación final. Ao mando dos efectos visuais, e debuxando en directo, estivo o artista Xavier Belho.