Aquela festa eterna chega ata hoxe grazas ao libro do ferrolán Fernando F. Rego
20 oct 2024 . Actualizado a las 19:22 h.Pretty in pink, cantaba a banda londiniense The Psychedelic Furs para dar vida a uns 80 fluorescentes, románticos e adolescentes como amosaban as pelis de instituto norteamericanas. Porén, a realidade oitenteira galega camiñaba entre o rosa e o gris. O pop multicolor dos vigueses Aerolíneas Federales galopaba ao mesmo tempo que a destrución dos estaleiros de Astano na ría de Ferrol. Porque a gran bola de lume desa Galicia tiña de todo: «Movida, nostalxia e loita obreira». Así aparece na última xoia en forma de ensaio do investigador ferrolán Fernando F. Rego. Anos 80. Movida, atlantismo, vangardismo, underground (Editorial Galaxia) xa está nas librarías. Imperdible regalo de Nadal para recordar unha época que para moitos representa reconversión, economatos e unha música que daba toda a forza do mundo para superar semellante aciago panorama.
O profesor Rego xa prepara as presentacións, a primeira en Vigo o 30 de outubro, dunha obra que conta con fotografías de autores xa clásicos como Xoán Piñón e Xulio Correa. Neste mergullo cultural polo túnel do tempo, «aparecen multivendas como Siniestro Total, o audiovisual de Xavier Villaverde, fanzines como El Patito Feo en Ferrol que falaba das torturas de Fernando Miramontes». E todo nuns anos de «reconversión do sector naval co impacto psicolóxico do fin de Astano e cunha visión crítica da Movida».
O atlantismo dos mariñeiros ollando a Capetón, como diría Xurxo Souto, asómase nesa dualidade A Coruña-Vigo. «Os focos principais poñíanse en Vigo por Siniestro Total (apoiado polo xornalista Jesús Ordovás e con Julián Hernández en Madrid), en Aerolíneas Federales, que tamén tiña a Miguel Costas, aparecen Golpes Bajos e Os Resentidos, os medios de Madrid empezan a vir a Vigo, hai un especial da revista La Luna, un viaxe en tren ata aquí dos artistas da Movida madrileña... antes había máis centralismo, e isto víase con exotismo», argumenta o autor. E A Coruña recolle especialmente o atlatismo da man de Xosé Manuel Pereiro (Johnny Rotring) coa banda Radio Océano, «que falaba do telón de grelos para defender o propio fronte aos toureiros de Madrid».
Olas que levan a Reino Unido
As olas do Atlántico que separan a Galicia do Reino Unido tamén achegaban músicas. Como os ecos do postpunk en Radio Océano co baixo de Santiago Romero (Rossmero). «E Siniestro Total facía versións de cancións anglosaxonas, tamén de grupos de EE.UU., como ese Rock en Samil que remodela o Rockaway Beach de Los Ramones». Os máis afortunados viaxaban a Londres para mercar roupa e discos, «Alaska emulaba a Siouxsie And The Banshees». Pero Galicia aportaba «o costumismo, Os Resentidos falaban desas peculiaridades galegas e eran dos poucos que cantaban en galego, Siniestro Total aportaba eses toques de Vigo».
Pero había máis vida fóra das capitais atlánticas. En Ferrol pasaban moitas cousas: «Alvarito Lamas introduciu a steel guitar en Los Secretos ademais de tocar en Los Limones, Tábano era dos primeiros grupos heavy galegos, Bonitos del Norte puideron reinar». Aparece o Ourense máis underground con Cosecha Roja, Lalín con N-525, Carballo con Metro, «nunha Movida mitificada que deixou grandes cancións», como reflexiona o escritor Fernando F. Rego, na súa exhaustiva investigación para crear este libro.
E entre as guitarras eléctricas destacaban figuras femininas como as punks de Voces de Ultratumba, Rosa Fernández como protagonista das videocreacións de Xavier Villaverde, The Reserve que foron levadas por U2 a tocar en Dublín, Aerolíneas Federales, as xornalistas Pilar Comesaña e María Xosé Porteiro. No cinema arrasaba Sempre Xonxa de Chano Piñeiro, os primeiros videoclips con Galicia Caníbal. E todo movíase con fotocopias e casetes, «con cada canción soando na radio como un acontecemento brutal». Como apunta Fernando F. Rego, «nunca tanta nostalxia tivemos do pasado como na actualidade». Aquí non houbo mortes en directo como a de Eduardo Benavente, pero si mitos creados co tempo como os de Lois Pereiro e Germán Coppini. E todo brilla desde o 2024 moi forte: «Porque entón, eramos máis novos».