Santiago estende a súa aposta pola música de vangarda con oito concertos ata maio

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO

CULTURA

Arxis Ensemble
Arxis Ensemble Xurxo Gómez-Chao

Arxis Ensemble inicia este xoves o novo programa Contemporáneas, que prevé cinco estreas

22 oct 2024 . Actualizado a las 18:55 h.

Santiago reformula a súa aposta pola vangarda sonora. Se nos últimos anos organizaba as Xornadas de Música Contemporánea concentrando a programación en poucas semanas, agora decidiu estendela ao longo da tempada. Deste xeito, organizará desde este xoves ata o vindeiro maio oito concertos marcados pola creación de vangarda e a innovación sonora, que tamén entrará en diálogo con outras artes. Nesta primeira edición de Contemporáneas incluiranse cinco estreas absolutas, con tres composicións creadas especificamente para a ocasión, e poñerase o foco de xeito especial na creación galega. «Con este formato de tempada estable pretendemos dar máis oportunidades á cidadanía de gozar das propostas sonoras de vangarda», dixo a concelleira da área cultural, Míriam Louzao.

A programación comezará maña con Arxis Ensemble convertendo a antiga fábrica da luz de Compostela —a Casa das Máquinas— no escenario para o seu espectáculo La fabbrica iluminata, no que a composición homónima de Luigi Novo dialoga coa peza Sereas, unha creación de Xoán-Xil López a partir dos versos de Alba Cid sobre o levantamento das traballadoras da Fábrica de Tabacos da Coruña en 1857. «A figura destas traballadoras como unha ameaza ao establecido socialmente, que se enfrontan ás cadeas de produtividade, interesábame moito», afirmou o autor desta composición que foi estreada na última edición do festival Resis da Coruña. Este programa inicial, que chegará a partir das 20.30 horas, completarase coa estrea absoluta de Color y Talea, de Leonel Aldino. Antes da actuación, con entrada gratuíta, haberá unha charla.

Contemporáneas proseguirá o 27 de novembro no Teatro Principal coa ópera contemporánea de Javier Otero Neira titulada Pálido Punto Azul, que toma como punto de partida a fotografía ca Terra capturada pola sonda Voyager 1 en 1990. Xa en decembro, o día 11, Vertixe Sonora interpretará por primeira vez How can I help you, unha obra controlada mediante software de intelixencia artificial e creada por José del Avellanal e Bernat Pont. A anovadora proposta con gaita e zanfona de Iván Abal e David Bellas, que incluirá a estrea dunha peza de Teresa Bretal, chegará o 22 de xaneiro. Teatro Xtremo tomará o relevo o 4 de febreiro con A solas con Marilyn. Pola súa banda, o músico e compositor compostelán Fernando Buide e o seu ensemble Música Práctica ofrecerán o 18 de marzo un percorrido polas ribeiras do océano.

Na penúltima actuación de Contemporáneas, o 29 de abril, chegará Suit(e), un proxecto a cargo de Millán Abeledo, Nuria Sotelo e Manuel López Jorge, que tamén está compoñendo unha peza para a ocasión. Nel conviven música e danza. Esta edición da programación pechará con Taller Sonoro, que actuará o 20 de maio e estreará unha composición de Nuria Núñez.