A arte de marcar a pel, no Gaiás: tatuaxe antibalas, mafia e símbolos de poder
CULTURA
«Tattoo» reúne 240 pezas que amosan a evolución desta práctica
25 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.«A tatuaxe é unha linguaxe cunha potencia infinita á cal a mente humana non pode resistirse». As palabras son de Anne Richard, a comisaria de Tattoo. Arte baixo a pel, a exposición que ata o 20 de abril pode verse no Museo Gaiás. Nela, a través de 240 pezas, aparece reflectida esa fascinación ao longo da historia por marcar a pel con tinta. A través de fotografías, debuxos, pinturas, vídeos e distintos utensilios pódese comprobar que as razóns das tatuaxes son moi diversas: rituais, identitarias, relixiosas, punitivas... Todo sen esquecer a ollada contemporánea como fenómeno estético, que queda patente nos traballos sobre modelos de silicona deseñados por artistas referentes neste eido: «Estamos vivindo unha era dourada da tatuaxe».
Producida polo Musée du Quai Branly-Jacques Chirac de París, a mostra organízase en cinco seccións, que permiten achegarse ás distintas formas de entender estas prácticas de marcar a pel con tinta segundo as culturas e países, pousando a mirada en zonas como Xapón, América do Norte, Europa, Nova Zelandia, Polinesia, China, Taiwán e áreas de América Latina. Desta forma, amósase, por exemplo, como a tatuaxe foi durante séculos un xeito de certificar que se peregrinara a Xerusalén; ou un elemento ao que se lle atribúe propiedades máxicas, caso dos yantras tailandeses, considerados un talismán protector contra balas —a actriz Angelina Jolie ten un—. Desa relación cos poderes máxicos falan obxectos como unha estatua budista para preparar tinta para tatuar formada por cinzas procedentes da incineración de monxes.
As tatuaxes foron tamén un xeito de marcar a pertenza a mafias, algo presente en Xapón ou O Salvador. Precisamente, na exposición inclúense imaxes tomadas pola fotógrafa española Isabel Muñoz nas cárceres salvadoreñas. En Xapón —onde destaca a tatuaxe tradicional que cubre todo ou gran parte do corpo— converteuse en tabú no século XX ao asocialo á yakuza (mafia). Agora, segundo resalta a comisaria, están tentando recuperar ese tatuaxe tradicional. A mostra conta, ademais, con obras que reflicten prácticas de marcaxe nos campos de concentración —como o retrato dunha supervivente de Auschwitz—, ou sinais en mulleres armenias que foron obrigadas a prostituírse. Precisamente, entre os obxectos, resalta un caderno de croquis e debuxos que fixo Danzig Baldaev entre 1949 e 1989 en cárceres con presos dos campos de prisioneiros soviéticos.
Pero a tatuaxe tamén é símbolo de poder, como as que tiñan algunhas mulleres na Polinesia. «Canto máis nivel no ámbito da aristocracia, máis levaban», apuntou a comisaria sinalando unha peza na que se evoca as tatuaxes das princesas. A visión contemporánea aparece reflectida sobre modelos de silicona en pezas feitas por 23 pioneiros e referentes da tatuaxe. Entre eles, figuran obras de Filip Leu, que ten dez anos de lista de espera no seu estudo en Suíza, así como de Hanky Panky, que fixo unha obra con referencias xacobeas. Precisamente, o tatuador de Red Hot Chili Peppers estivo no Gaiás, onde participou na inauguración amosándolle ao conselleiro de Cultura, José López, algunha das súas creacións, e despois pola tarde participou nun encontro con tatuadores galegos. Non faltan tampouco nestes modelos traballos de españoles, como é o caso de Laura Juan e Jee Saya.
O conselleiro de Cultura, José López, resaltou na inauguración que esta mostra, que está considerada como a maior a nivel internacional sobre a tatuaxe, «dignifica o traballo de moitas persoas que crean» tendo a pel como lenzo. Tattoo chega a santiago grazas á colaboración da Fundación 'laCaixa' tras ser exhibida en Francia, Canadá, Estados Unidos, Tai´wan, Rusia e en varios centros de CaixaFórum de España. Ao longo da súa historia foi visitada por máis de dous millóns de persoas.