Susana Rey, experta en ciberseguridade: «O control parental é marabilloso para protexer a cativos e a maiores»

Carmen Gómez Mariñas
Carmen G. Mariñas REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

SUSANA REY EXPERTA EN CIBERSEGURIDAD DE R.
SUSANA REY EXPERTA EN CIBERSEGURIDAD DE R. CESAR QUIAN

En internet nada é gratis, polo que navegar de maneira consciente é clave. «Cando envías unha mensaxe, perdes o control dela»

27 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

«DGT: Último recordatorio antes del aumento de su multa pendiente de pago». Esta mensaxe, que moitas persoas recibiron nos últimos meses, non corresponde en realidade á Dirección General de Tráfico. Trátase dun exemplo dunha forma de ciberestafa moi frecuente. De feito, cada día envíanse uns 3.400 millóns de correos electrónicos con contido malicioso mentres que os roubos de datos chegaron no 2023 aos 1,7 millóns, segundo o último informe de OBS Business School.

Estas dúas vertentes, o phishing e o ramsomware, son os delitos máis comúns na ciberdelincuencia. Calquera pode caer neles, xa que «a seguridade ao 100 % non existe. E, en internet, tampouco», tal e como afirma Susana Rey, técnica da oficina de privacidade de R.

A mellor estratexia para estar protexidos é, segundo a experta, «aplicar o sentido común e desconfiar». Ademais, aplicacións como os antivirus son de gran axuda, pero hai que instalalos en «todos os dispositivos, non só nos ordenadores» e telo actualizado coa última versión dispoñible. Outra alternativa é o control parental, unha ferramenta «marabillosa» para protexer aos menores, pero que tamén pode ser útil para axudar aos máis maiores e evitar que entren en webs fraudulentas ou que realicen pagos de maneira inconsciente.

Acompañar aos menores

No caso dos máis pequenos da casa, para Rey a solución non pasa polos extremos. «Non creo que a prohibición sexa ao 100 % o camiño, pero non me parece normal que un cativo de 10 anos, cando fai a comuñón, reciba un móbil con acceso a internet como regalo. Como nai, creo que a esa idade non están preparados, pero tampouco podemos prohibirllo ata os 18 anos».

A realidade é que non hai unha idade recomendada para comezar a usar internet: «Depende da madurez de cada persoa, pero a lexislación española di que ata os 14 anos un neno non pode dar consentimento para acceder a estes servizos, polo que podemos orientarnos con esa idade». A entrada en internet ten que ser gradual e, para iso, o acompañamento é moi importante. Rey apunta que «os nenos teñen que aprender a navegar cos pais. Se atopamos contido desapropiado ou a alguén que intenta enganarnos, podemos aproveitar para ensinarlles que está mal para que vaian creando esa conciencia e que saiban protexerse».

Saber o que fan os menores en internet é importante para evitar casos de ciberacoso. Algunhas das fórmulas para conseguilo son limitar o uso destes dispositivos aos espazos comúns ou establecer un contrato familiar que determine os límites.

Escóitanos o móbil?

As propias páxinas e portais tamén teñen que tomar medidas para dificultar o acceso dos menores a algúns contidos. Neste sentido, o Goberno propoñía en xullo o uso dun carné dixital que sirva para verificar a idade. Para a experta en ciberseguridade, este tipo de accións son necesarias, se ben é certo que hai aínda «lagoas tanto técnicas como en materia de privacidade. Se hai un fallo, eses rexistros poderían acabar facéndose públicos».

Tamén hai que ter en conta os erros técnicos, así como as intencións da persoa receptora, cando publicamos contidos que desaparecen ou dunha soa visualización: «Cando envías unha mensaxe, perdes o control dela»

Rey advirte que «damos moita máis información da que cremos. Cando navegamos ou usamos aplicacións, tendemos a aceptar a información de privacidade e as cookies sen pensalo e o que estamos aceptando é que nos rastrexen». Entón, o móbil escóitanos? «Teoricamente, non. As cookies, sumadas a algoritmos de intelixencia artificial, collen a nosa información e son capaces de detectar o que queres incluso antes de que sexas consciente de que o queres. Temos que saber que nada é gratis. Cando utilizamos un servizo gratuíto, o valor está nos datos. Estamos pagando con eles».

A IA aumenta o risco de suplantación de identidade

O desenvolvemento de ferramentas e aplicacións de intelixencia artificial está medrando a un ritmo máis rápido que a formación da poboación xeral e a creación e posta en marcha de marcos lexislativos. Pero Susana Rey destaca que «no punto no que estamos agora, as máquinas non son intelixentes. A intelixencia artificial é unha ferramenta matemática que permite aos seres humanos facer cousas que antes non se podían facer, polo que. ao final, o perigo está na persoa que a usa».

Estas aplicacións aumentan o risco de suplantación de identidade en estafas como o phising, ao crear unha copia perfecta da voz e mesmo da imaxe estática ou en movemento dos nosos seres queridos: «Aínda que un familiar che pida cartos a través dunha videochamada, hai que ser máis desconfiados e pedir sempre unha dobre verificación. Non podemos fiarnos só do que vemos e do que oímos porque pode ser mentira».

A experta recalca que esta tecnoloxía pode ser unha ferramenta «marabillosa» se se utiliza ben, como xa se está facendo no campo da medicina. Con todo, subliña a importancia de concienciar á poboación en materia de prevención da seguridade.

AESIA

Os marcos legais para regular a intelixencia artificial están comezando a desenvolverse e entrar en vigor e organismos como a Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA) aínda está dando os seus primeiros pasos.

«Queda camiño por percorrer pero a existencia de institucións como a AESIA son moi boa noticia, xa que non só nace coa idea de atender á cidadanía, senón que axudará ás empresas a adoptar a intelixencia artificial dunha maneira respectuosa», apunta Rey, quen engade que a instalación deste organismo en Galicia «é algo marabilloso e unha gran oportunidade para que se converta nun polo para atraer talento, empresas e mobilizar a economía e que non todo se centre en Madrid».