Xosé Touriñán e Carlos Blanco regresan aos teatros galegos con «Somos Criminais e punto final», a última xira do seu espectáculo
29 oct 2024 . Actualizado a las 19:19 h.Despois de explorar os maiores crimes de Galicia e tamén a expresión ser criminal, Xosé Touriñán e Carlos Blanco regresan aos teatros galegos con Somos Criminais e punto final, unha nova xira que despide este espectáculo na súa terceira edición.
A primeira cita terá lugar este venres 1 de novembro en Santiago de Compostela. Logo continuarán por todo o territorio galego en funcións de hora e media, ou máis.
—Será esta a última vez que vexamos Somos Criminais nos escenarios?
Xosé Touriñán. Parece ser... Pero nunca se sabe.
Carlos Blanco. Eu creo que si, pero non quere dicir que non fagamos outras cousas xuntos. Eu xa teño unha idade e necesito parar un pouco este ritmo frenético. Creo que está ben porque xa exploramos diferentes posibilidades sobre o efecto de ser criminal.
—Así que ese é o principal motivo polo que rematan.
XT. Outro motivo importante é o que poderedes ver no espectáculo, porque hai que vir velo. Ten que ter un final e todo chega por algo. Igual é un pouco spoiler... pero chega o noso final. Chega a fin do mundo.
CB. Tamén influiu que Touri está farto de min.
XT. É o que máis influiu.
CB. Agora conseguirá librarse de min. Segue vindo aquí porque lle encanta Arousa e no fondo é un pouco do Celta, pero creo que está farto de verme diante.
—Levan en Somos Criminais desde o 2018. Como foi traballar xuntos estes anos?
CB. El é hiperesixente, hiperpuntual... Por dez minutos que chego tarde xa se mosquea... Ten un carácter complicado. Calquera que traballase con el o sabe.
XT. Aguantamos polas familias, porque están moi unidas. Polos fillos... Pero foi fantástico, que che vou dicir. Se isto ten un terceiro espectáculo é por todo o que nos divertimos facéndoo xuntos. Se non, non tería razón de ser. É triste que se acabe pero seguiremos traballando en cousas xuntos. Pero esta triloxía remata ben así.
—Como afrontan esta última xira?
CB. Con ganas de comer ben. Non sei como será desta vez, porque estou facendo xaxún intermitente. Creo que en galego ayuno é xaxún, que se Sanxenxo xa é difícil, xaxún... Nós antes tiñamos o problema de que eu, por idade, ás 12 teño que ir para cama e Xosé quéixase de que non lle ía tomar unha copa a ningún lado. E agora non estou ceando. Non sei como imos facer. Nesta xira as funcións das 11 da noite xa pasan ás seis da tarde.
XT. É o símbolo dos tempos. Agora danos tempo para ir cear, aínda que só sexa para que Carlos mire como ceo eu.
CB. Esta temporada fixen iso varias veces. Ir con amigos, por exemplo, á festa do marisco da Illa e eles cear marisco e eu mirar como ceaban bebendo auga. Que non é tan fácil.
—Ir á festa do marisco e non cear, é un pouco criminal non?
CB. Bueno é máis para o colesterol. Pero se bebes auga, podes ir á festa gastronómica que queiras.
—No espectáculo rescatan partes do noso patrimonio. Se tiveran que quedar cunha festa, cal sería?
CB. Eu quedaría coa festa da gominola. E quería montar a festa do xaxún intermitente. Podía ser na Illa de Sálvora.
XT. Creo que todas as gastronómicas hai que levalas. Se algún día se acaba isto, as festas hainas que levar todas. Todas as que collan.
CB. A do cocido vegano, ou a festa do sushi. A ver cando a montan.
XT. Ou a festa de Susi. Que pode ser dunha María Xesús.
—E que deixarian si ou si?
CB. Se puidera deixar atrás 30 anos, e volver cando tiña 35. Onde hai que firmar?
XT. Iso é Regreso ao futuro. Xa temos espectáculo novo.
CB. Pero me temo que xa non ten solución.
XT. As cousas malas fan que as boas sexan boas e ese contraste é importante. Seguramente hai moitas cousas que era ben deixar, como o feismo, os eucaliptos... Se volveramos montar todo noutro planeta estaba ben que houbese menos.
CB. Como mínimo os eucaliptos os suprimiría. E tamén as velutinas.
—Cal é o crime máis galego?
XT. Temos un moi noso que é mover os marcos e os crimes producidos por mover os marcos. Din as Tanxugueiras que non hai fronteiras, pero está Galicia chea de marcos e de lindes. Somos moi de minifundio.
CB. Somos minifundistas ata na cultura. Non é un país de grandes grupos de música, de teatro...
XT. Ata para ser sede do Mundial ou para os aeroportos.
—E o maior crime para un galego?
CB. Que lle encolla o estómago. Imaxínate un galego que coma, nada, unha oliva e quede farto. Que triste.
XT. Toda esa xente que come polbo cun garfo. O polbo quere madeira por baixo e collelo con madeira. Cando ves a alguén pinchar o polbo cun garfo doe no corazón.
—Sen spoilers, ou con eles, que pode agardar o público desta xira?
XT. Creo que a maioría do público xa viu Somos Criminais 1 e 3, os anteriores, e debería agardar máis do mesmo. Vir, botar hora e media ou máis se nos pasamos, e nese tempo rir moito e desconectar de toda a trangallada que hoxe en día nos agobia tanto.
CB. Si, e sketches moi diferentes. Intentamos que haxa risa para todo tipo de públicos. Temos a sorte de ser moi transversais. Somos moi conscientes ademais de que moitas veces somos un regalo e por iso poñemos moitas funcións despois de Nadal. É marabilloso. Antes ás nais se lles regalaba yogurteras e agora unha entrada para vernos, que é moito mellor. Temos que xogar con tres xeracións e por iso facemos catro sketchs grandes de estilos moi distintos. Algún máis popular, algún máis experimental, mesmo controvertido ou políticamente incorrecto. Xogamos con iso tamén. O público vén desfrutar e por iso somos regalos.
—Estrean o venres. Como preparan os días previos?
XT. Cando se achega unha estrea non hai tempo suficiente e estamos nese punto agora. Pero desfrutando moito e aproveitando todas as horas que temos libres para isto.
CB. Estamos a mil. Non chega o tempo para nada. Teño a confianza en que este tipo resolve todo. Como xa o comprobei, dixen bueno, maloserá. É a mellor expresión galega. Maloserá que unha vez máis o público non nos acolla con cariño. E se non é así, pois non pasa nada porque é a última. E temos un equipazo. As dúas Lauras, Dani, Paco e virán Tito, Iván, Carlos... Na xira, aínda que subamos dous ao escenario, somos oito.
XT. É un equipo criminal.