Fistoras de antano

CULTURA

Dorothé Schubarth, rexistrando as cántigas de dúas veciñas de Mens, en Malpica.
Dorothé Schubarth, rexistrando as cántigas de dúas veciñas de Mens, en Malpica. Museo do Pobo Galego

08 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O ano que vén, ou moito me trabuco, vaise falar non pouco de fistores e fistoras, termos pouco consolidados entre os escritores galegos, e vaise falar porque a RAG dedica o Día das Letras ao cancioneiro popular da tradición oral, eido literario no que o fistor, case sempre, ten a palabra. O termo fistor aparece na lexicografía contemporánea desde 1961 (Diccionario de Leandro Carré Alvarellos) como «vate popular». Pero foi Xoaquín Lorenzo Fernández, Xocas quen o explicou e xustificou no seu Cantigueiro da Limia Baixa (Galaxia, 1974), libro no que cita varios fistores (Palmela, Manxor das Quintas...) e unha fistora, Cateliña de Entrimo, de mediados do século XIX. Polos versos conservados, deduzo que non era manca na controversia poética.

Do padre Sarmiento é ben coñecida aquela páxina na que afirma que unha boa parte das cántigas populares foron ideadas por mulleres, texto que o feminismo de hoxe ten que agradecer e terá que matizar, mais o certo é que o sabio bieito non coñecía o termo fistor, quizais porque non viaxou pola Limia Baixa onde o aprendeu Lorenzo Fernández. Por el sabemos o nome (e algo da biografía) de Cateliña de Entrimo, a primeira fistora de nome coñecido.

Da segunda fistora temos noticia por Manuel Murguía en 1865: a cega «Gabriela, natural de Santa María de Souto, partido de Bande». Caracterízaa como «improvisadora». Quizais sexa a terceira no tempo Nicolasa Añón (1810-1887), irmá do famoso poeta Francisco Añón e muller case analfabeta.

Eu coñecín, de rapaz, unha curiosa fistora, tan curiosa que só cultivaba o xénero satírico: a señora Consuelo Domínguez, natural da Groba de Sanín (Ribadavia), onde eu residía daquela e onde a oín recitar, desde o corredor da súa casa, uns aguillóns contra o señor Pepe o Becho, moi amigo, por certo, de meus pais. Hai días, falando cunha ribeirá amiga, María Dolores Soto Pérez, definiuna moi ben deste xeito: «A señora Consuelo insultaba en verso». Case contemporánea era a Fina (de Ventosela), alcumada A Moulona (Delfina Rodríguez Rodríguez), que impresionou a Dorothé Schubarth, para quen cantou o Romance das tres comadres.