As dramaturgas Luísa Pinto e Iria Pinheiro presentan as súas últimas obras en «Dramaturxias Itinerantes»
CULTURA
O ciclo, que chega á súa sétima edición, celebrarase os días 19 e 20 de novembro en Vigo e Oporto
18 nov 2024 . Actualizado a las 14:08 h.A dramaturxia contemporánea escrita por mulleres de Galicia e Portugal encóntrase nunha nova edición de Dramaturxia Itinerantes. O ciclo, organizado polo Consello da Cultura Galega en colaboración coa Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia e a Escola Superior de Música e Artes do Espetáculo (ESMAE) de Oporto, así como o Camões-Centro Cultural Português de Vigo celebra a súa sétima edición. As citas terán lugar o martes 19 ás 17.00 horas na ESMAE de Porto e o mércores 20 á mesma hora na ESAD de Vigo.
As dramaturgas Luísa Pinto e Iria Pinheiro serán as protagonistas desta edición. Nela, a lusa presentará a súa obra Sugar Daddy, mentres que a galega o fará con A máquina do pobo. As pezas foron seleccionadas polas súas «temáticas de extrema actualidade» e por explorar as relacións de poder e os vínculos laborais e persoais cunha perspectiva tanto crítica como social, segundo apunta o propio Consello da Cultura.
Tras as lecturas dramatizadas, a actriz Vanesa Sotelo, dramaturga e profesora da ESAD, moderará unha conversa coas autoras sobre o rol da dramaturxia como medio para abordar as cuestións sociais e humanas do noso tempo.
As representacións de «Dramaturxias Itinerantes»
Pola súa parte, o Sugar Daddy de Pinto afonda na dependencia e poder deste tipo de relacións, habitualmente marcadas por unha diferenza económica e de idade, cuestionando os límites entre o consentimento e a violencia de xénero. Esta obra «pretende alertar para os perigos deste tipo de relación, que promove a apertura de portas á prostitución e á violencia de xénero, onde o limite entre a sanidade e a insanidade mental se revela tan feble que ambas se confunden». Cláudia Marisa será a encargada de dirixir a interpretación, con asistencia de Nuno Tudela e interpetación de António Salgado e Catarina Rapazinho.
Doutora en Estudos Artísticos e con especialización en Estudos Teatrais e Performativos pola Universidade de Coimbra, Pinto é ademais de encenadora, investigadora e actriz. Tamén exerce como profesora nos cursos de Teatro da Escola Superior Artística do Porto e da Universidade de Trás-os-Montes e está a desenvolver un posdoutoramento na ECA da Universidade de São Paulo. Como directora artística da compañía de teatro Narrativensaio-AC, e exdirectora artística do Teatro Municipal de Matosinhos Constantino Nery, ten promovido proxectos de teatro en Contexto Prisional. Ademais, colaborou como autora e presentadora en programas culturais para a RTP, e foi co-realizadora do documental Rompendo os Muros da Prisão e do Filme Concerto-O Filho Pródigo.
Pola outra banda, A máquina do pobo de Pinheiro explora a vida operativa dunha fábrica poñendo o foco nas experiencias das súas traballadoras e dos seus propietarios. A deshumanización do traballo sobre elas e as implicacións do peche nas súas vidas tamén son temas que explora esta obra. A dirección artística recae en Nuria Montero Gullón e o elenco está formado por Maruxa Gemperle Ares, Sandra Zarco Fernández, Sandra Folgar Martínez e Laura Pampín Sanabria.
Pinheiro, premio María Casares no 2019 por Anatomía dunha serea en colaboración con María Lado, obtivo tamén o Premio á Mellor Interpretación no FIOT de Carballo coa súa peza Croquetas. Na actualidade, prepara Vitória, unha obra de teatro documental e autobiográfico que verá a luz en 2025, e acaba de estrear a película Prefiro condenarme, dirixida por Margarita Ledo.
O ciclo Dramaturxias Itinerantes, iniciado no 2019, ten como obxectivo dar visibilidade á creación teatral feminina de ambos os lados da raia, favorecendo o intercambio e a colaboración entre profesionais e estudantes das artes escénicas de Galicia e Portugal. Esta iniciativa busca achegar ao público á escrita dramática a través de lecturas dramatizadas e de conversas con autoras convidadas.
Ademais, promove a difusión destas obras mediante a súa publicación en liña, facilitando o acceso á dramaturxia contemporánea de Galicia e Portugal. O ciclo, que procura ser un referente de encontro e promoción da dramaturxia feminina, convida á reflexión e ao coñecemento da creación teatral contemporánea, destacando o papel da palabra escénica como vehículo de transformación e de intercambio cultural.