![A RAG e a Fundación Barrié abren o proceso para escoller a Palabra do Ano 2024.](https://img.lavdg.com/sc/dle_n7MAzzZTEmFcErXBeljMWsY=/480x/2024/11/26/00121732621201897307398/Foto/PALABRA.jpg)
A iniciativa, impulsada pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié, ten aberto o prazo de suxestións ata o 8 de decembro
26 nov 2024 . Actualizado a las 13:07 h.A selección da Palabra do Ano 2024 está máis preto. A Real Academia Galega e a Fundación Barrié abriron onte a campaña para escoller a palabra máis destacada deste ano. A primeira fase da iniciativa está promovida a través do Portal das Palabras, un proxecto web que ten como obxectivo a difusión do léxico galego.
Segundo apunta a RAG no seu comunicado, o período de envío de propostas estará aberto ata o domingo 8 de decembro. Entre as suxestións sairán as palabras finalistas, que se levarán a votación popular entre o mércores 11 de decembro e o mércores 25 de decembro.
Con esta iniciativa, ambas institucións pretenden implicar á cidadanía na identificación de palabras que representen temas destacados na conversa pública recente e que resuman como se viviron colectivamente, que garden relación ou dean nome a algunha nova preocupación ou fenómeno, ou mesmo que subliñen arelas colectivas coas que dicir adeus ao tempo que remata e recibir o que comezará en breve con nova ilusión.
Desta forma, se aceptan tanto voces tradicionais do galego coma neoloxismos e sintagmas nominais non rexistrados no Dicionario da RAG.
A Palabra do Ano coñecerase a finais do 2024.
Portal das Palabras
O Portal das Palabras é o proxecto da RAG e a Fundación Barrié para a modernización do traballo lexicográfico e a divulgación da nosa lingua. Cada semana ofrece xogos e outros contidos divulgativos que conectan o léxico galego coa realidade cotiá e a actualidade dun xeito ameno. A palabra do día é outra das seccións deste espazo aberto ao diálogo coas persoas usuarias.
Dende o 2014 o Portal das Palabras convida ademais a todas as persoas que o desexen a participar na escolla da Palabra do Ano. Nas edicións anteriores foron elixidas:
- Cibercarracho (2023)
- Comadre (2022)
- Tanxugueiras (2021)
- Nós (2020)
- Sentidiño (2019)
- Deseucaliptización (2018)
- Afouteza (2017)
- Irmandade (2016) —coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—
- Refuxiado, -a (2015)
- Corrupción (2014)
Dentro das iniciativas compartidas para a difusión da lingua, a Real Academia Galega e a Fundación Barrié, ademais do Portal das Palabras ofrecen ao público a aplicación de xogos do Dicionario, o Ximnasio Léxico, dispoñible para dispositivos Android e iOS.