Jaime Pena, novo director da Filmoteca de Galicia

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O novo director da Filmoteca de Galicia, Jaime Pena, e o conselleiro de Cultura, José López Campos.
O novo director da Filmoteca de Galicia, Jaime Pena, e o conselleiro de Cultura, José López Campos. MONCHO FUENTES

Anteriormente foi programador da cinemateca da Xunta de Galicia

26 nov 2024 . Actualizado a las 16:38 h.

A Filmoteca de Galicia ten novo director. O experto en cinema e audiovisual Jaime Pena (Miño, A Coruña, 1965) pasa a ocupar o cargo despois de máis de tres décadas como programador da cinemateca da Xunta de Galicia. Con este nomeamento, o cargo queda de novo ocupado, despois de cinco anos sen ninguén na dirección, tras a xubilación do seu antecesor, Guillermo Escrigas, no verán do 2019. Nese momento e ata o de agora, o director da Agadic, Jacobo Sutil, ocupou o posto de maneira provisional.

No seu novo posto, na dirección da Filmoteca, Pena será responsable da dirección no deseño da configuración da carteleira de cine que se exhibe na sala de proxeccións José Sellier da sede da Coruña e das súas extensións noutros espazos colaboradores, a da actividade pedagóxica, centrada sobre todo nos programas didácticos Cinema en cursoFotografía en curso, así como as accións dirixidas á salvagarda e difusión do patrimonio audiovisual galego.

De igual forma, será responsable da relación con estruturas ou organismos homólogos nacionais e internacionais como arquivo e mediateca membro da International Federation of Film Archives, así como a xestión ordinaria da entidade dentro do organigrama da Axencia Galega das Industrias Culturais, dependente á súa vez da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Precisamente, o conselleiro José López Campos felicitou ao novo director nunha visita ás instalacións, na que foron acompañados pola delegada territorial da Xunta, Belén do Campo. O conselleiro de Cultura destacou del «a gran profesionalidade demostrada durante todos estes anos tanto na filmoteca como con outras iniciativas». Tamén puxo en valor «o gran labor desenvolvido polo equipo para a salvagarda do noso patrimonio audiovisual e a achega ao público dunha programación de calidade».

Traxectoria

Jaime Pena é licenciado en Xeografía e Historia, ademais de doutor en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela. Antes de ser programador da Filmoteca e do Centro Galego de Artes da Imaxe, a súa antiga denominación, realizando labores de coordinación da programación anual cinematográfica, ademais de actividades formativas e publicacións.

Tamén é profesor doMáster en Produción Xornalística Audiovisual da Universidade da Coruña e Fundación Santiago Rey-Fernández Latorre e do Máster de Crítica Cinematográfica (ECAM-Caimán Cuadernos de Cine) e membro do Comité de Redacción e colaborador regular da revista especializada Cahiers du Cinema (2007-2012) e da súa continuadora, Caimán Cuadernos de Cine (desde 2013).

Na súa traxectoria ten participado en en traballos de investigación no Departamento de Historia do Cine-Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela (1998-1992), foi membro do comité organizador dos Congresos da Asociación Española de Historiadores del Cine na Coruña (1993) e Ourense (1999), así como do Simposio Internacional 100 años de Cine (A Coruña, 1993).

Exerceu como asesor internacional de programación no Buenos Aires Festival Internacional de Cine Independiente (Bafici) en 2013, 2014 e 2016, colaborou nas revistas arxentinas El amante (2004-2019) e A sala llena (2018 ata hoxe), e ten publicado artigos en distintas publicacións especializadas e xornais de información xeral como neste mesmo xornal e outros como ABC ou La Vanguardia.

Como autor, asinou os libros Ramón Torrado, cine de consumo no franquismo (CGAI-Xunta de Galicia, 1993), La Coruña y el cine (Vía Láctea, 1995), El espíritiu de la Colmena (Paidós, 2004), Cine Español. Otro trayecto histórico (IVAC, 2005), os tres títulos xunto a José Luis Castro de Paz, e El cine después de Auschwitz. Representaciones de la ausencia en el cine moderno y contemporáneo (Cátedra, 2020). E como coordinador participou noutra decena de volumes e ten escrito colaboracións en preto de medio centenar de libros colectivos que abordan aspectos históricos ou de análise sobre distintos períodos temporais ou territorios.